Inicios
A presentación da Banda Municipal de Lousame ten lugar o Día das Letras Galegas de 1996, logo de iniciarse as clases na Escola Municipal de Música en decembro de 1994 na escola do Sanguiñal. Esta banda recolle a tradición musical neste concello con bandas como a de Tállara, activa ata os anos 60. A primeira formación da banda conta con 25 músicos, dirixidos por Prudencio Romo, prestixioso músico noies e membro fundador do mítico grupo “Os Tamara”, que se amplian ata os 45 con que conta na actualidade.
Actividades
A Banda de Lousame participa en festas e romarías por toda Galicia así como nos festivais de Ordes, Brión, Cee, Triacastela (dentro do programa da Xunta de Galicia “Vai de Camiño 08”), Vilalba, Negreira, no IV Ciclo de Bandas de Rianxo, no Homenaxe ás Bandas Populares que se celebra nas festas do Apostolo de Santiago de Compostela ou na saída de bandas de Ortigueira. Asimesmo actúa tódolos anos na Semana Musical de Noia no mes de novembro. Durante o verán organiza o Encontro de Bandas Concello de Lousame (Homenaxe a Prudencio Romo) que se celebra no campo da festa de San Roquiño.
Coincidindo coa homenaxe a Zernadas de Castro, cura de Fruime e gran precursor do galeguismo estrea a obra “Cautivo da Nosa Señora”, composta por Prudencio Romo. Ten participado en programas da TVG e nos festivais de Zarzuela da Sociedade Liceo de Noia. No ano 2004 actúa no Día Internacional da Familia en Santiago de Compostela e na presentación da ONG Familias Mundi, motivo polo que graba un CD co himno desta organización.
Durante os anos 2007 e 2008 forma parte, xunto coas bandas de Brión e de Outes do Proxecto Musical Brilou, facendo concertos conxuntos das 3 bandas no Auditorio de Galicia e en Certames Internacionais en Ogíjares (Granada) e Figueira da Foz (Portugal). No ano 2009 actúa no Auditorio Municipal Mestro Padilla da cidade de Almería froito do intercambio coa banda de San Indalecio de La Cañada. No mes de agosto deste mesmo ano realiza a gravación do seu primeiro disco. Para o ano 2010 destaca, entre as actividades a realizar, un intercambio coa Banda de Música Ciudad de Irún (Euskadi).
Asociación Cultural Prudencio Romo
En xaneiro do ano 2006 crease a Asociacion Cultural Prudencio Romo, encargada dende ese momento da organización e xestion da banda así como da Escola de Música, que amplía o seu plantel de profesores e que abarca todalas especialidades instumentais dunha banda de musica. Iniciase así unha nova etapa máis ambiciosa e con proxectos de maior envergadura que seguirán incrementando a calidade desta banda.
Dende outubro de 2006 está dirixida por Fernando Frojan Canle.
https://www.facebook.com/bandalousame/?ref=ts&fref=ts
XX ANIVERSARIO DA BANDA DE LOUSAME