O Concello de Lousame súmase á sinatura do convenio para a promocionar o xeodestino turístico ‘A Ría da Estrela’ - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

A alcaldesa, Teresa Villaverde, tamén presidenta da Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría Muros-Noia, asinou coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, o acordo de colaboración por valor de 48.000 euros

O Concello de Lousame sumouse esta mañá ás novas accións promocionais que se desenvolverán para poñer en valor o xeodestino turístico ‘A Ría da Estrela’, que aúna os municipios de Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son. A sé da Asociación Rural de Área de Desenvolvemento da Ría Muros-Noia acolleu hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre esta entidade –representada pola rexedora lousamiana, Teresa Villaverde- e a Axencia de Turismo de Galicia –con Nava Castro á fronte- polo cal se aportan un total de 48.000 euros para promover o turismo nesta zona.

Neste acto tamén participaron o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia de A Coruña, Ovidio Rodeiro, e os alcaldes de Noia, Santiago Freire; Muros, María Xosé Alfonso; Outes, Beatriz Molinos, e Porto do Son, Luis Oujo.

Na súa intervención, Teresa Villaverde salientou a importancia de “estar unidos para promocionar a nosa ría, que é máxica. Contamos cun xeodestino no que a xente ten a oportunidade de visitar varios concellos e temos que loitar porque paren en todos eles”. Neste senso, animou a todas as administracións implicadas a “seguir traballando para poñer A Ría da Estrela no lugar que lle corresponde”.

Pola súa banda, Nava Castro, indicou que “cada zona ten a súa singularidade e hai que poñelas en valor” e que “este convenio nos axudará a vender a Galicia de calidade que vai no bo camiño”. Neste senso, explicou algunha das iniciativas que se desenvolverán ao abeiro do convenio de colaboración asinado hoxe, coma son os pases de visitas para os museos de toda a Ría de Muros-Noia, ou a creación dunha ruta de sendeirismo que pase por todo o territorio da Ría da Estrela e a posta en marcha dun centro BTT neste xeodestino e integrado na rede da Xunta de Galicia. Ao mesmo tempo, tamén se desenvolverán accións a prol de promover a vinculación deste territorio co turismo industrial –coa presenza de conserveiras ou das Minas de San Finx-, sen deixar de lado “a formación aos profesionais. En Galicia, xa 1 de cada 3 turistas son estranxeiros e temos que saber como atendelos”.

Máis concretamente, as accións contempladas dentro do convenio de colaboración atópanse as seguintes:

  • Creación do Pase de Museos da Ría Muros-Noia
  • Creación do Produto de Sendeirismo da Ría Muros-Noia
  • Creación do Produto de Turismo Industrial da Ría Muros-Noia
  • Reedición de 10.000 unidades do catálogo de actividades en destino
  • Creación dun arquivo fotográfico experiencial
  • Reedición e distribución de materiais promocionais
  • Proxecto de creación do Centro BTT da Ría de Muros-Noia
  • Deseño do programa trianual de formación da Ría Muros-Noia
  • Asistencia a feiras cun stand