As clases comezarán na primeira semana de outubro, se ben as inscricións estarán abertas de forma permanente todo o curso
7 de setembro de 2026.- O alcalde de Lousame, Esteban Ares, e a responsable da UNED Sénior A Coruña-Aula de Lousame, Mariña Docampo, presentaron esta mañá curso 2026-2027 da Escola de Música Tradicional. Unha actividade totalmente gratuíta e aberta a persoas maiores de 55 anos de Lousame e de toda a comarca.
Esteban Ares explica que a Escola de Música Tradicional “é unha actividade que busca darlles unha formación aos maiores de 55 anos, ao tempo que ocupan o seu tempo de lecer e favoreces a súa socialización e comunicación con outras persoas que comparten a mesma idade e os mesmos interese”. Por iso, animou aos veciños e veciñas que aínda non coñecen esta actividade a que “se acheguen a ver o que se fai e participen nalgunha das actividades que se desenvolven ao longo do ano, é unha forma magnífica de socializar a través da cultura”.
Gratuíta e aberta á comarca
Pola súa banda, Mariña Docampo lembrou que as clases arrincarán a primeira semana de outubro e terán lugar todos os luns, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura de Lousame. Haberá tres niveis: Iniciación, medio e avanzado, onde “aprendermos a utilizar un instrumento e, ao mesmo tempo, aprenderemos sobre a cultura galega”, facendo fincapé na recuperación e posta en valor “das cancións tradicionais que hai pola comarca”.
A matrícula estará aberta durante todo o curso 2026-2027 en www.bandoticket.com ou no teléfono 610 145 536. “Unha actividade totalmente gratuíta e aberta a todo o mundo que queira achegarse, non so de Lousame senón de toda a comarca”, apuntou Mariña Docampo, quen puntualizou que da trintena de alumnos e alumnas rexistrados o curso pasado xa renovaron a matrícula máis de vinte.


