Aínda que non se pode datar de forma exacta, pode estar situada no S. XVII. O estilo ó que pertence é o barroco, e a portada corresponde ó románico.
Está composta por unha soa nave, de planta rectangular que debía estar cuberta con madeira sobre cimbros a dúas augas, pero que hoxe presenta forxado de formigón. Na cabeceira hai unha ábsida cadrada, formando o presbiterio, cuberto por unha bóveda de aresta que descansa sobre pilastras. Esta é de igual ancho que a nave principal, destacando dende o exterior debido á maior altura, cubríndose a catro augas.
Engadido no lateral do Evanxeo, está a sancristía, cuberta con bóveda de canón moi rebaixada, e muros de bastante potencia.
No interior, atopamos unha entrada lateral moi sinxela, e un coro ós pés da nave, construido en formigón. Cabe destacar pola súa beleza o retablo principal de estilo Barroco, que foi restaurado recentemente.
O exterior presenta unha volumetría sinxela, unha fachada principal na que destaca a porta de estilo románico, con columnas nas xambas, canzorros no lintel e arco de medio punto. Enriba da porta hai un oco rectangular, de grandes dimensións, e no lado dereito da mesma sitúase unha porta e unha fornela enriba coa imaxe do santo. O campanario remata en cupuliña semiesférica.
Acompaña á igrexa un cemiterio que a circunda, onde se atopa pun precioso mauseolo, bastante recente, que imita perfectamente unha igrexa románica, incluíndo os elementos máis característicos.