Lousame Concilia Semana Santa comeza o vindeiro 29 de marzo con todas as medidas de seguridade - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Servizos Sociais
Novas
Novas Servizos Sociais

Novas Servizos Sociais

En función da última actualización da normativa, o Concello de Lousame programa esta iniciativa cun total de 12 prazas.

Lousame, 23 de marzo de 2021.- O vindeiro luns 29 de marzo arranca o programa Lousame Concilia Semana Santa cunhas estritas medidas de seguridade sanitaria. Ante a publicación da última actualización das normas relacionadas co control da pandemia da Covid-19, o equipo de Igualdade do Concello de Lousame puxo en marcha o programa que se desenvolverá os vindeiros 29, 30 e 31 de marzo e o 5 de abril. Nesta nova edición contémplanse un total de 12 prazas, das que quedan dúas dispoñibles para días soltos.

No pasado mes de decembro as familias realizaron a inscrición neste programa que se desenvolve durante as vacacións de Nadal, Entroido e de Semana Santa, polo que un total de 10 rapaces e rapazas teñen xa a súa praza asignada. Tendo en conta as restricións de aforo por mor da pandemia da Covid-19 nesta ocasión poderían ampliarse dúas prazas máis en días soltos. Así, as familias interesadas en que os seus pequenos e pequenas asistan a este programa deben reservar a praza no día anterior a través do teléfono 616 345 812 en horario de 09:30 a 14:30 horas durante as xornadas do programa e de 07:45 a 09:00 horas antes do día 29 –primeiro día do Lousame Concilia Semana Santa-.

En total haberá dúas persoas monitoras responsables das actividades lúdicas, deportivas e culturais que se proporán aos nenos e nenas que participen nesta iniciativa. A concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, sinalou que “este proxecto é mostra do compromiso do Executivo coas realidades das familias lousamiás. A nosa intención é facilitar a conciliación familiar e laboral da nosa veciñanza”.

O programa Lousame Concilia está subvencionado pola Secretaría Xeral de Igualdade e polos Fondos Sociais Europeos.