As familias poderán presentar as solicitudes na Casa do Concello ata o 15 de abril
O Concello de Lousame abre o prazo para solicitar praza de novo ingreso no Punto de Atención á Infancia (PAI) municipal. O período para presentar as solicitudes comeza o 15 de marzo e rematará o 15 de abril. As solicitudes deberán achegarse xunto coa documentación completa correspondente e poderán presentarse a través da sede electrónica ou no rexistro xeral do Concello.
Para optar ás prazas terán prioridade as familias empadroadas en Lousame do mesmo xeito que se terá en conta a renta per capita –as máis baixas terán preferencia-. Asemade, outorgaranse puntos en diferente medida en función da situación laboral dos proxenitores ou titores, do número de integrantes da familia ou de se algún membro ten algún grao de discapacidade.
Teresa Villaverde, alcaldesa do Concello de Lousame, destacou a importancia deste tipo de servizos que constitúen unha “ferramenta imprescindible para a conciliación familiar da veciñanza do noso municipio”.
A documentación que se debe entregar xunto a solicitude, dispoñible para descargar na páxina web municipal, é a seguinte:
- Copia do libro de familia
- Copia do DNI de ambos proxenitores, ou do titor/a legal
- Certificado de convivencia
- Declaración do Imposto da renda das persoas físicas do último exercicio, de cada membro da unidade familiar maior de 18 anos. No caso de non presentar declaración por non estar obrigado, certificado acreditativo da Axencia Tributaria
DOCUMENTACIÓN COMPLEMENTARIA (se procede):
- Copia da última nómina ou do recibo de autónomos/as.
- Certificación da situación de desemprego expedida polo Servizo Público de Emprego.
- Copia do título de familia numerosa.
- Copia do certificado de pensións; invalidez, orfandade, estranxeiro e/ou outras.
- Copia do certificado do grao de discapacidade.
- Informe dos servizos sociais sobre a inclusión da familia do neno/a en Programas de Intervención familiar.
- Outra documentación que de constancia da especial situación familiar ou económica da unidade familiar
O Punto de Atención á Infancia disporá o vindeiro curso 2021/2022 dun total de 20 prazas para nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. O PAI de Lousame consta dunha unidade educativa con dúas educadoras –unha coordinadora e unha auxiliar-.