Último día do programa de Actividades de Verán 2026, que comenzou o luns coa benvida da tenente de alcalde e concelleira de Educación e Cultura, Silvia Agrafojo Filgueira aos preto de 50 rapaces. Unha iniciativa clave para a conciliación das familias de Lousame. Un campamento dirixido a nenos e nenas, de entre 6 e 15 anos de idade, que desenvólvese esta semana en horario de 9:00 a 20:00 horas, co polideportivo da Silva como epicentro das actividades. “Mantemos o horario de todo o día porque á xente lle gusta, aínda que se algunha familia precisa deixar ao pequeno antes das nove da mañá tamén poderá facelo dende as 8:15 horas”, indicou Silvia Agrafojo.
Dentro das actividades previstas para esta semana no Campamento de Verán Activo, os nenos e nenas puideron desfrutar o pasado luns da festa con inchables, touro mecánico, barra xiratoria e fútbol humano, así como da piscina con inchables acuáticos. O día seguinte tomaron protagonismo os xogos variados e uns bos granizados, así como a dinamización deportiva no polideportivo municipal, e unha sesión de cine cunha boa ración de flocos de millo. O mércores visita ao Aquapark de Cerdera. Onte, a rapazada de Lousame encheu a praia de Barraña-Boiro onde, ademais de desfrutar na auga e cos kaiaks, practicaron paddle surf. Hoxe, último día, o broche final o porá o cine cunha pantalla xigante no pavillón, o taller de pintado de caras e rastreo. Despois de xantar espéralles na piscina municipal inchables, cocteles sen alcohol, e festa da escuma no campo de fútbol.
Finalmente, a noitiña despediranse dos rapaces o alcalde, Esteban Ares, e a tenente de alcalde e concelleira de Educación e Cultura, Silvia Agrafojo Filgueira nun emotivo acto de entrega de diplomas conmemorativos.


