A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na presentación da campaña Impropio de nós
15 de xuño de 2026.- A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha unha campaña informativa que pretende concienciar a veciñanza dos concellos adheridos á Mancomunidade Serra do Barbanza, e ao Consorcio das Mariñas, da importancia de facer unha correcta separación dos residuos en orixe. Así, durante a presentación desa campaña esta mañá en Lousame, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, fixo fincapé no papel clave da cidadanía para avanzar cara a unha xestión máis eficiente e sostible dos residuos.
Un acto no que a conselleira estivo acompañada polos alcaldes de Lousame, Esteban Ares; Porto do Son, Luís Oujo; e Brión, Pablo Lago. O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, foi o encargado de dar a benvida aos presentes, destacando que “os Concellos temos que facer agora un labor pedagóxico e facerlle ver aos veciños a importancia da reciclaxe, de saber o que vai en cada contedor e trasladarlles a necesidade de adaptarse á nova normativa que hai que cumprir e que ao final é un beneficio para todos”.
Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza e alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, coincidiu coa conselleira en que “agora toca mellorar os estándares de reciclaxe de cada concello, en especial en materia de recollida de plásticos, xa que isto vai repercutir no peto de cada veciño e veciña, pois canto o mellor o fagamos, haberá menos custos polo tratamento do lixo e iso repercutirá directamente no que paga cada familia”.
Cambio no modelo de xestión
Finalmente, a conselleira sinalou que as Administracións deben poñer á disposición da cidadanía tanto os medios como os coñecementos necesarios para facer unha correcta separación dos residuos en orixe e o seu posterior depósito no contedor correspondente para garantir a súa reciclaxe. Esa formación debe reforzarse máis aínda cando se producen cambios no modelo de xestión.
Nese senso, Ángeles Vázquez lembrou que os residuos dos concellos adheridos á Mancomunidade Serra do Barbanza son xestionados por Sogama desde o pasado 1 de xaneiro e que o Consorcio das Mariñas tamén se está adaptando ao novo modelo tras abandonar o sistema húmido-seco. Neste contexto, a conselleira incidiu na importancia de facer campañas de información, formación e concienciación como a presentada hoxe que, baixo o lema Impropio de nós, busca reducir o depósito de residuos impropios nos contedores xa que isto impide a recuperación e reciclaxe dos refugallos.
Campaña contedor amarelo
En concreto, esta campaña fai especie fincapé no uso incorrecto do contedor amarelo salientando que os residuos que se deben depositar nel son as latas, bricks e envases de plástico. A campaña desenvolverase ao longo dos meses de xullo de agosto e consistirá en tres accións principais. Instalaranse elementos que son impropios do contedor amarelo en determinadas localizacións para chamar a atención, como, por exemplo, un cepillo de dentes nun xardín. E, ademais, distribuiranse cubos amarelos en cada un dos concellos co lema da campaña, así como vinilos entre os comercios das localidades. A maiores, tamén se informará directamente aos veciños entregándolles flores amarelas en accións a pé de rúa. Finalmente, durante o mes de agosto a campaña trasladarase ás praias para seguir informando á cidadanía.
Esta iniciativa enmárcase no compromiso do Goberno galego de apoiar os concellos nesta materia. Tal como subliñou a conselleira, aínda que a xestión dos residuos é unha competencia municipal, a Xunta destinou desde 2018 preto de 40 millóns de euros en axudas ás entidades locais para financiar proxectos que contribuíron de forma decisiva a que Galicia avance no cumprimento das obrigas comunitarias nesta materia.




