O Concello de Lousame pon en marcha “Cóidate acompañado”, un programa de benestar emocional para maiores de 60 anos - Concello de Lousame

Impartido pola psicóloga Isabel Fabeiro, dará comezo a mediados de abril no local social do Sanguiñal (Tállara)

30 de marzo de 2026.- O Concello de Lousame vai poñer en marcha “Cóidate acompañado”, un proxecto de benestar emocional para persoas maiores de 60 anos en situación de vulnerabilidade por factores sociofamiliares e/ou de saúde. Unha iniciativa totalmente gratuíta que comezará a impartirse a mediados de abril no local social do Sanguiñal (Tállara) e para o que as inscricións están abertas no 689 126 385.

“Cóidate acompañado” é unha iniciativa financiada ao 100% pola Deputación da Coruña e que ten como obxectivos principais ofrecer apoio emocional a persoas maiores de 60 anos en situación de vulnerabilidade, facilitándolles combate a soidade a través da creación de lazos sociais e de compartir experiencias para conseguir mellorar a súa calidade de vida.

Apoio emocional

A iniciativa foi presentada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e pola psicóloga Isabel Fabeiro, encargada de impartir o programa; quen estiveron acompañados pola concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo; e a traballadora social Mónica Castaño. “Cóidate acompañado é un programa que busca ofrecer, sobre todo, apoio emocional e atención psicolóxica para as persoas maiores de sesenta anos e que dende o Concello de Lousame queremos impulsar para atender todas as necesidades que poidan precisar”, explica Ares García.

O alcalde lousamiá agarda que o programa sexa “moi beneficioso para todos, xa que será impartido pola psicóloga Isabel Fabeiro que, cunha metodoloxía de traballo grupal, intentará dar apoio a todas esas necesidades que teñan as persoas. É un servizo que se vai dar por primeira vez e convidamos a todas as persoas interesadas a que formen parte del”.

Espazo de seguridade

Pola súa banda, Isabel Fabeiro indica que hoxe “abrimos unha porta a un espazo de seguridade, onde a xente se sinta escoitada, acompañada. É algo moi necesario porque o que máis pesa non é a idade, é ese sentimento de illamento, de soidade, de non sentirse importante. Imos intentar que este grupo cubra esa necesidade, esa sensación de soidade non buscada que tanto afecta á nosa saúde en xeral, non só á emocional senón á física tamén”.

Isabel Fabeiro sinala que “as clases serán un espazo de seguridade. Son sesións de dúas horas, moi dinámicas, no que se vai comunicar moito. Imos centrarnos non tanto no problema senón na historia da persoa, na súa aprendizaxe. Vai haber actividades de reminiscencia, de recuperación de recordos positivos, de adestramento cognitivo, actividades de descarga emocional, roleplay, incluso estratexias de afrontamento da ansiedade... e rir vai ser fácil”. Finalmente, a psicóloga explica que “utilizamos este traballo grupal porque o grupo permítenos dicirlle á xente: eu estou aquí tamén, eu importo e ti tamén. É un pouco utilizar ese vínculo que se forma entre as persoas para que nos miremos e nos vexamos recoñecidos. E iso vai axudar moitísimo e vai ser un apoio fundamental”.

CoidateAcompanado2