A Igrexa de Fruíme acollerá esta tarde a presentación de dous poemas do Cura de Fruíme que foron musicalizados por Xoán Curiel
17 maio de 2025.- Un ano máis, o Concello de Lousame aproveitou a celebración do 17 de maio para reivindicar a dedicatoria dun Día das Letras Galegas á figura de Diego Antonio Zernadas de Castro, máis coñecido como o cura de Fruíme. Desta vez foi en voz do tenente de alcaldesa, Esteban Ares García, quen ademais de desculpar a ausencia de Teresa Villaverde puxo en valor a figura de Zernadas de Castro como “precursor do galeguismo e a figura máis ilustre que temos en Lousame”.
Esteban Ares destacou o labor do Concello e da asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme na promoción da figura do cura de Fruíme a través de exposicións, conferencias, andainas, edición de libros... “incluso hoxe mesmo vanse estrear dous poemas musicalizados por Xoán Curiel, artista de recoñecido renome”. Por iso, destacou que se realiza todos os anos no adro da Igrexa de Fruíme “é o lugar indicado para ser reivindicando todos xuntos e pedirlle por favor á Real Academia Galega que nos escoite, porque xa é hora de que a Zernadas de Castro se lle dedique o Día das Letras Galegas e se acabe con esta inxustiza histórica”.
Pola súa banda, a presidenta da asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme, Ermitas Lorenzo, agradeceu a gran acollida que tivo este acto de homenaxe a Zernadas de Castro e puxo tamén en valor “a dedicatoria este ano do Día das Letras Galegas ás cantareiras, moi ben representadas hoxe aquí polas cantareiras da Uned Sénior de Lousame. Pero non nos olvidamos do cura de Fruíme, que xa escribía en galego no século XVIII e que no 2027 cumprirase o 250 aniversario do seu falecemento. Dende aquí queremos pedir que se lle dedique o Día das Letras Galegas”.
Tras a lectura de varios poemas de Zernadas de Castro por parte de nenos e nenas de Fruíme (Ainara, Lara, Sofía, Liam, Xoel, Leire e Manuel), tivo lugar a tradicional ofrenda floral diante do busto dedicado a Zernadas de Castro. Unha exposición sobre a súa vida e obra rodeaba a contorna da igrexa, mentres comezaban a soar os acordes do concerto ofrecido pola Banda de Música de Lousame, que interpretou un variado repertorio dende pasodobres ata un par de medleys de cancións de Nino Bravo e de música latina.
Acto seguido, a carpa instalada no adro da Igrexa de Fruíme acolleu un moi aplaudido concerto do grupo de cantareiras e pandereteiras da Uned Senior de Lousame que, ademais de interpretaren algunha cantiga propia do municipio, tamén fixeron o propio con outras de artistas máis recoñecidas como Malvela. O seu bo humor e ritmo contaxiou ás máis de 200 persoas asistentes a estes actos, que remataron aplaudindo e bailando o repertorio destas cantareiras e pedindo varias cancións extras.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, acompañada dos concelleiros Esteban Ares, Manuel Martínez, Mariel Agrafojo e José Antonio Ces aproveitaron tamén para facer entrega duns agasallos ás cantareiras da Uned Sénior de Lousame como representantes da poesía lírica popular que se honra hoxe, Día das Letras Galegas. A sesión rematou cunha actuación da Asociación Cultural O Son do Pote, previa a un xantar de confraternidade da asociación de veciños Zernadas de Castro de Fruíme.
Pola tarde, están previstos obradoiros culturais, un contacontos da man de Raquel Queizás e a actuación de Xoán Curiel na Igrexa de Fruíme, onde porá en escena o seu espectáculo “Treides Comigo - Alén”, unha recompilación de cantigas medievais entre as que presentará dúas cantigas inéditas sobre poemas do cura de Fruíme.