A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 30 de xuño a mostra ‘Inmanencia’, con trece óleos do pintor coruñés Víctor Lens - Concello de Lousame

14 maio de 2025.- A Casa da Cultura do Concello de Lousame acolle ata o vindeiro 30 de xuño a exposición pictórica ‘Inmanencia’, que recolle un total de trece óleos do artista Víctor Lens. Unha inauguración na que o artista coruñés, con vivenda en Lousame, estivo acompañado por unha vintena de persoas, entre as que se atopaban a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo; e os concelleiros de Economía, Esteban Ares; Obras, Ramón Martínez; e Deportes, Mariel Agrafojo.

“A obra de Víctor non deixa indiferente a ninguén: a cor, o trazo, a expresión e as formas comparten o equilibrio nos seus lenzos”, apunta Silvia Agrafojo, quen destacou a forte vinculación do artista con Lousame, onde xa ten exposto en varias ocasións, a última o pasado ano 2024 coa mostra “Retrospectiva”, na que recollía a súa traxectoria pictórica dende o ano 1973.

 

ExposicionVictorLens2

No caso de “Inmanencia”, Víctor Lens explica que “o primeiro que vai ver a xente cando chegue a esta sala de exposicións é unha explosión da cor, unha das cousas fundamentais desta mostra. Iso sería dentro do plano da expresión, porque no plano do contido son cadros moi críticos coa sociedade actual que estamos vivindo”.

Neste sentido, Lens explica que a súa crítica vai dirixida especialmente “a todos os medios e tecnoloxías que lle están comendo un pouco o espazo aos seres humanos. Un exemplo é o teléfono móbil, do que a xente vive totalmente pendente. Unha nova sociedade que vén patrocinada polos grandes poderes, que nos fan depender dunha tecnoloxía que sería moi boa se non existiran eses intereses económicos que fan que a xente dependa directamente dunha serie de aparellos que lle causan moito estrés”. De feito, advirte de que “a tecnoloxía nos está comendo terreo e termina sendo a máquina quen está dominando ao ser humano”.

ExposicionVictorLens3.jpg

De feito, a palabra “Inmanencia” que dá título a esta exposición fai referencia á ligazón entre pensamento e vida. Unha mostra acompañada dun pequeno catálogo con textos referidos a cada unha das obras expostas, tanto disertacións do autor como fragmentos de poesías.

Este artista coruñés que inaugurou a súa primeira exposición no ano 1973 na sala A Terraza de A Coruña, foi obxecto de numerosas mostras ó longo destas cinco décadas na Caixa Municipal de Vigo (1976), o Concello de A Coruña (1977), a Caixa de Aforros de Galicia (1978), a Sala de Durán Loriga de A Coruña (1989), a Sala da Fundación Araguaney de Santiago (1991), o Concello de A Coruña (1994), os Concellos de Porto do Son e Lousame (1996), o Liceo de Noia (1999), a Sala Rey Lago de Culleredo (2001), Lousame (2004), a Casa Charry de Oleiros (2004), a Casa da Cultura de Noia (2005), o Liceo de Betanzos (2008), o Colexio Xesuítas de A Coruña (2011), Lousame (2011), a Sala da Fábrica de Oleiros (2016), a Sala do  Pintor Lloréns da Casa da Cultura de Sada (2017), o Xardín Botánico de Culleredo (2018) e a Casa da Cultura Villa Concepción de Cambre (2022).

ExposicionVictorLens4