Inclúe un contacontos sensorial para bebés e un obradoiro científico e un taller de debuxado de caras para rapazada de máis de 6 anos
9 de abril de 2025.- O Concello de Lousame, a través da súa Axencia Municipal de Lectura, súmase un ano máis á conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil durante os meses de abril e maio. Unha programación especial que foi presentada esta mañá pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, xunto cos técnicos de Cultura, Eduardo Agraso e Teresa Baluja.
A concelleira puxo en valor que “incluímos actividades para todas idades, polo que agardamos que gusten a todas as familias e que se animen a participar”. Así mesmo, destacou especialmente a que terá lugar este sábado 12 de abril, un contacontos sensorial para bebés xa que “as familias recibirán tamén unhas pautas para que lles sigan lendo, cantando e desfrutando da lectura nas súas casas”.
Pola súa banda, o técnico Eduardo Agraxo, explicou algunhas das novidades desta edición: “a petición da veciñanza, adaptamos as actividades ás distintas idades. Ademais, quixemos darlles un punto diferente, incluíndo contacontos con acompañamento musical, obradoiros científicos ou pintacaras con actuacións musicais”.
Programación
A programación comezará este sábado 12 de abril, ás 12:00 horas, cun contacontos sensorial a cargo de Eduvía. Dirixido a bebés de 0 a 3 anos, nesta sesión descubrirán as emocións que acompañan ás palabras, ás cancións, os libros… a través de distintos obxectos.
Xa no mes de maio, os maiores de 6 anos serán os protagonistas de dúas actividades. A primeira será un obradoiro científico o día 10, ás 12:00 horas, no que “porán a proba o seu maxín e aprenderán a facer uns experimentos que poderán repetir nas súas casas”, explica Eduardo Agraso. Una semana despois, o 16 de maio, ás 18:00 horas, a artista multidisciplinar Silvia Rábade impartirá o obradoiro creativo “Debuxando caras”, que incluirá tamén unha actuación musical.
As familias interesadas poderán inscribirse de xeito totalmente gratuíto a través da www.bandoticket.com. É imprescindible respectar os límites de idade establecidos polas empresas e compañías en cada actividade; xa que as reservas que incumpran este requisito serán anuladas automaticamente.
Estas actividades de promoción da lectura están organizada polo Concello de Lousame, a través da Axencia Infantil Municipal de Lectura, e ao abeiro do progrma Ler Conta Moito provomido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. O seu obxectivo principal é o de fomentar o hábito da lectura no conxunto da poboación, en xeral, e nos máis pequenos, en particular.
Previamente, o pasado día 2 de abril, data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen, publicouse o Manifesto do Día do Libro Infantil 2025, elaborado este ano pola artista Rian Visser e pola ilustradora Janneke Ipenburg.