A delegada da Xunta e alcaldesa de Lousame visitaron hoxe a Farmacia Tállara, beneficiaria do Bono Enerxía Peme para a instalación de equipos de climatización e luminarias LED
3 de febreiro de 2025.- A delegada da Xunta, Belén do Campo, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron hoxe a Farmacia Tállara, beneficiaria do Bono Enerxía Peme 2024 e que lle permitiron instalar equipos de climatización e luminarias LED no establecemento. Uns equipos que lle permiten un aforro enerxético de máis do 50%, como confirmou a propia titular do establecemento, Valentina Domínguez, quen mesmo falou de ocasións nas que o aforro representou ata o 70%.
Belén do Campo destacou o apoio que o Goberno galego está a prestar para reducir a factura eléctrica dos negocios e das empresas do sector servizos, ao tempo que agradeceu a iniciativa de establecementos como o de Valentina Domínguez, pois “sodes unha mostra da implicación do noso empresariado co aforro enerxético e a sustentabilidade”, subliñou.
Pola súa banda, Teresa Villaverde aproveitou para “animar ao resto de establecementos a que se acollan a estas axudas e lembrar que se precisan de axuda poden acudir ao Concello de Lousame. Son fondos que ás veces quedan sen utilizar porque a xente non os pide. O que queremos é animar á xente de Lousame, cun exemplo próximo como o de Valentina, para que acuda a eses fondos e conseguir axudas para o aforro enerxético”. Villaverde estivo acompañada polos concelleiros de Obras, Ramón Martínez, e Cultura, Silvia Agrafojo.
Finalmente, Valentina Domínguez explicou que cambiaron a luz que tiña por LED e instalaron a maiores un alumeado lateral para ter maior iluminación na farmacia, ademais de cambiar a calefacción por gasóleo por unha bomba de frío-calor. “O aforro enerxético ao longo do ano pasado foi un pouquiño máis do 50% e incluso chegamos ao 70%”, explicou Domínguez, quen recibiu unha axuda do 80% do investimento realizado.
A delegada da Xunta destacou que no 2024 recibiron estas axudas 174 solicitantes por un importe de máis de 700.000 euros na provincia da Coruña e que na comarca do Barbanza o Bono Enerxía Peme permitiu realizar 26 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía en negocios, cun apoio da Xunta de máis de 81.000 euros.
Nova convocatoria
A delegada explicou que a Xunta ten aberta unha nova convocatoria -a quinta- desta orde cun orzamento de 2,5 millóns de euros e animou ao posibles beneficiarios a solicitalas. “Queremos concienciar á sociedade da importancia do aforro e a eficiencia enerxética, pero tamén diminuír o consumo de enerxía e reducir a factura eléctrica de pemes e autónomos, para aumentar a súa competitividade”, apuntou. Estas axudas poderán solicitarse ata o 25 de xuño.
A previsión é chegar, con este investimento, a máis de 600 traballadores e traballadoras autónomas e pemes galegas; e xerar aforros enerxéticos de ata 2.800 MWh/ano, e económicos de 0,5 M€/ano na factura eléctrica. O investimento mínimo para poder acceder a estas axudas é de 1.000 euros e a intensidade do apoio será do 80% ata un máximo de 6.000 euros por centro de traballo.
Finalmente, a delegada lembrou que en cinco anos “levamos investidos máis de 13 millóns de euros” cos que se realizaron máis de 3.100 actuacións de eficiencia e aforro de enerxía en Galicia. En definitiva, dixo, “o noso obxectivo é avanzar cara á descarbonización e depender menos dos combustibles fósiles”.