Máis de sesenta persoas gozaron da Festa de Nadal do centro de día de Lousame - Concello de Lousame

30 de decembro de 2024.- Máis de sesenta persoas, entre maiores, familiares e músicos, participaron na tarde do venres 27 de decembro na tradicional Festa de Nadal no centro de día de Lousame. A festa tivo lugar entre as 17:00 e as 19:30 horas e contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, que amosou a súa satisfacción “pola activa participación dos nosos maiores na celebración, non só bailando e cantando as distintas pezas, senón compartindo experiencias durante a festa”.

Se hai unhas semanas a música correu da man de O Son do Pote, a festa do pasado venres contou coa actuación da Banda de Música de Lousame, cuxos membros interpretaron diversas pezas, sobre todo panxoliñas tradicionais propias destas datas. Así mesmo, tanto as persoas residentes como as visitantes deron boa conta dos produtos típicos do Nadal dispostos no centro de día, decorado con motivos de inverno coas creatividades realizadas polos propios usuarios do centro.