Abertas inscricións no Trail de Lousame, que terá lugar o domingo 29 de decembro - Concello de Lousame

O Concello de Lousame abre as INSCRICIÓNS no Trail de Lousame 2024, que terá lugar o domingo 29 de decembro. As persoas que desexen participar xa poden anotarse na web https://eventos.emesports.es/inscripcion/trail-concello-de-lousame-2024/inscripcion_datos/. O Concello oferta un total de 600 prazas, trescentas para cada modalidade: Trail Longo (12 €) e Trail Curto (8 €).

Ambas probas terán saída do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e unha espectacular subida ao monte Muralla, un dos miradoiros máis populares da comarca. As INSCRICIÓNS están abertas en https://eventos.emesports.es/inscripcion/trail-concello-de-lousame-2024/inscripcion_datos/  ata as 23:59 horas do xoves 26 de decembro ou ata completar o cupo de prazas.

O Trail Longo terá unha lonxitude de 25 km, cun nivel de dificultade medio alto e cun desnivel acumulado aproximado de 1.140 metros de desnivel positivo e de 1.140 metros de desnivel negativo. A saída será ás 10:00 horas e contarán con tres avituallamentos. Pola súa banda, o Trail Curto contará cunha distancia de 14 km, cun nivel de dificultade medio-baixo e cun desnivel acumulado aproximado de 540 metros de desnivel positivo e de 540 metros de desnivel negativo. A saída terá lugar ás 11:00 horas e contará con dous avituallamentos. As persoas participantes deberán obrigatoriamente levar manta térmica, chifre, teléfono con batería suficiente, sistema de hidratación (mínimo 1 litro) e cortaventos.

O Concello de Lousame entregará premios aos tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina do Trail Curto e do Trail Longo, así como premios especiais ao primeiro atleta masculino e feminino empadroado en Lousame e aos tres primeiros clasificados das categorías máster masculina e feminina (45 ou máis anos). A entrega de premios terá lugar no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. O Concello terá habilitadas varias zonas de aparcamento, próximas ao lugar da proba e debidamente sinalizadas, e ofrecerá servizo gratuíto de duchas e de gardarroupa.

O Trail de Lousame está organizado polo Concello de Lousame, en colaboración con Futuranea Soluciones Eléctricas y Tecnológicas, GADIS, AlquiNoia, Fermín Simal SL, Tarrío & Suárez Obras e Contratas e Hoka One One. Así mesmo, conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte, a Deputación da Coruña, a Xefatura Provincial de Tráfico, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella de Noia e da rede de voluntariado local de Lousame.

Attachments:
Download this file (Regulamento.pdf)Regulamento.pdf