A asistencia é totalmente de balde, se ben este ano está restrinxida unicamente a persoas empadroadas en Lousame
14 de novembro de 2024.- Os magos Cayetano Lledó e Mago Teto, cos seus espectáculos “Show Máxico” e “Rock ‘n’ magic”, conforman a novena edición do Festimaxia Lousame, organizado polo Concello de Lousame. Dúas actuacións dirixidas a un público familiar e que serán de acceso gratuíto, previa inscrición en bandoticket.com. A novidade deste ano é que a asistencia estará restrinxida unicamente a persoas empadroadas en Lousame.
A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, explica que “o auditorio da Casa da Cultura leva enchéndose os últimos anos con cada actuación do Festimaxia e queda moita xente fora. Incluso nalgunha ocasión temos duplicado actuación pola gran cantidade de persoas que quedaran en lista de agarda polo que decidimos reservar as entradas unicamente para persoas empadroadas en Lousame”.
Así mesmo, a concelleira fai tamén un chamamento aos veciños e veciñas que se anoten en Bandoticket para que “se por calquera cousa ao final non poden vir, que chamen á Casa da Cultura para borrarse e así poder deixar o seu sitio a outras persoas. Non pode ser que queden persoas sen desfrutar destes espectáculos porque haxa xente que non avisa”.
Actuacións
O Festimaxia Lousame 2024 arrincará este domingo 17 de novembro, ás 19:00 horas, co espectáculo “Show máxico”. Unha actuación dirixida a un público familiar no que o mago recolle unha escolma de técnicas innovadoras mesturadas cos xogos de sempre e en clave de comedia. Unha actuación organizada polo Concello de Lousame en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
E o sábado 23 de novembro, ás 18:00 horas, será a quenda do Mago Teto e o seu espectáculo “Rock ‘n’ magic”, unha actuación “con moito humor e música rock do padriño do Festimaxia Lousame, que leva actuando todos estes anos e ao que lle temos un gran cariño porque é marabilloso como persoa e como mago”, apunta Silvia Agrafojo. Este espectáculo estará financiado unicamente polo Concello de Lousame.
Dirixido por Fran Rei, a actuación do Mago Teto é máis ca un espectáculo de maxia, é un concerto de rock and roll no que estará acompañado por Fer Risco, na batería, e Mon Orencio, na guitarra. Deste xeito, os veciños e veciñas de Lousame poderán desfrutar dunha actuación onde a maxia convive con algúns dos clásicos do rock como Led Zeppelin, Bob Dylan ou Los Suaves.