O Concello de Lousame abre do 3 ao 9 de xuño o prazo de inscrición no programa de conciliación Lousame Concilia Verán 2024
Dirixido a nenos e nenas de 3 a 16 anos, terá lugar nas instalacións do CPI Cernadas de Castro en horario de 9:30 a 14:30 horas
31 de maio de 2024.- O Concello de Lousame abrirá do 3 ao 9 de xuño o prazo de inscrición no programa Lousame Concilia Verán 2024, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto. Un programa dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro, en horario de 9:30 a 14:30 horas.
Os prezos non varían con respecto a anos anteriores. No caso das familias que opten pola inscrición para todo o verán, o prezo será de 15 euros/mes. Para anotarse só terán que descargar e cumprimentar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal (www.concellodelousame.gal). Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.
No caso de haber máis demanda que prazas, aplicarase un baremo para a admisión no que, por exemplo: recibirán 16 puntos os menores empadroados no municipio e que tamén teñan empadroado a un dos proxenitores e recibirán 8 puntos os menores de 12 anos. Despois establécense outros baremos como nivel de renda per cápita anual da unidade familiar: menos de 6.000 euros (2 puntos) e entre 6.000 e 10.000 euros (1 punto). Tamén se outorgará 1 punto ás familias monoparentais, familias vítimas de violencia de xénero, muller en situación de desemprego de longa duración, muller maior de 45 anos ou familia con outras cargas relacionadas cos coidados. En caso de empate, aplicarase o criterio da orde de inscrición, seguindo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal. As solicitudes que non obteñan praza pasarán á lista de espera.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Programa Corresponsables do Ministerio de Igualdade.