Partindo da Praza Teodomiro Hidalgo comezamos a camiñar polo medio da agra de Cruido ata chegar á piscina municipal, onde cambia a paisaxe tras meternos por unha vella corredoira que nos aproxima á aldea de Aldeagrande. Alí, na parte alta da aldea tomamos o camiño polo monte cara a San Finx. Transcorridos uns 20 minutos, albiscamos o “charco” ou balsa de decantación da mina, que consiste nun pequeno encoro no río da Mina ou Rabaceiras. Este encoro formaba parte das instalacións da mina, e a súa función consistía na decantación das partículas en suspensión e areas que baixaban na auga do río. Subindo atopamos a “areeira” ou escombreira na que se acumulaba todo o material de refugallo do proceso de extracción de wolfram e estaño de San Finx (dende finais do s. XIX ata finais do s. XX), xa que neste xacemento, a mineralización aparece, na súa maior parte, intruida dentro dun dique de cuarzo; chegou a formar un montículo de area totalmente branca que se vía dende moi lonxe. Esta area era moi valorada como material de construcción por estar formada unicamente de seixo.
Todo este camiño transcorre por un monte de eucaliptos que nos leva ata a balsa de auga que hai no río, preto da areeira da mina. Neste punto, temos que cruzar o río para, unha vez no outro lado, seguir un camiño de monte que nos levará ata a antiga escola, hoxe Centro de Interpretación.
Seguindo esta ruta pódense avistar, máis arriba da areeira, as instalacións industriais “fábrica nova”, “fábrica vella”, “o cuartel” e ata as “casas Baratas” nas que viviron multitude de traballadores das Minas coas súas familias... Unha vez rematado este camiño, atopamos a antiga escola convertida en Centro de Interpretación e Museo, no que hai que facer unha parada obrigada, xa que nos traslada ao século pasado, ás épocas de maior esplendor da mina. Dende alí podemos ver moi preto o “Pozo Novo”, que xunto co “Travesal Buenaventura”, foron os dous últimos buratos de extracción. Continuando pola estrada , chegamos ao Chan da Mina atopamos boa parte das que eran instalacións auxiliares da mina: talleres (mecánico, carpintería e eléctrico), a casa do compresor, a cantina, vivendas..
Unha vez feita a visita á mina, continuamos o noso camiño subindo cara a aldea de a Afeosa ó lado do edificio do compresor. A subida é bastante pronunciada, aínda que volta a ser chan ao chegar a aldea, volve a intensificarse ao ir chegando ao alto do monte da Aguieira ou Pedrantoas, aínda que as vistas panorámicas que imos acadando, van compensar o esforzo. Tanto se miramos cara o S ou W podemos ver as rías de Arousa e Muros e Noia, albiscando a illa de Sálvora e o Monte Pindo, así como toda a serra da Barbanza co monte Iroite e Curota e tamén a Muralla se miramos cara o leste.
Unha vez vistas as panorámicas, imos baixando cara á aldea de Cruido seguindo o percorrido do cortalumes para, unha vez atravesada a aldea, chegar a Portobravo e á Casa do Concello, o noso destino final.
Como pode comprobarse, é un camiño doado de andar, na súa maior parte, sendo apto para todo tipo de xente. Percórrense, aproximadamente, uns 12 kilómetros.
Foto dunha visita ao Museo das Mina