O sendeiro de 14 Km de percorrido é de dificultade media e comeza no cruce que leva á aldea de Arribas, na parroquia de Fruime, despois de deixa-la estrada que une Pte. Beluso e Comparada (AC-1103). Despois de pasar a aldea de Arribas, o sendeiro discorre por montes de piñeiros, pequenos soutos con castiñeiros, acivros, salgueiros, ameneiros que nacen ó borde dos regatos, e algún pequeno eucaliptal aínda non moi estendido. Segundo imos subindo, as zonas de arbóreo van diminuíndo e aparecen novas plantacións e zonas de pasto para cabalos, vacas e cabras que pacen libremente. A cima da montaña está aproveitada tamén polas enerxías renovables, xa que os aeroxeneradores serán os compañeiros do sendeiro antes de chegar ó cume do monte Muralla (678 m). O regreso faise por tramos que xa subimos e logo por un novo sendeiro, similar ó anterior, pero entre o límite do concello de Lousame e o de Rianxo ata chegar á aldea de Zaramagoso para a continuación camiñar un Km pola estrada ata a aldea de Ardeleiros onde ó saír dela xa chegamos ó punto de saida, sendo así unha ruta circular.
O máis destacable, aparte da tranquilidade que podemos respirar en moitos dos recunchos do noso percorrido, van ser as magníficas vistas que poderemos contemplar xa dende a metade do noso percorrido, verdes vales do noso concello: o da Escabia, o de Xestoso e Aldarís; chegando a albiscar unha parte moi importante do noso territorio: o Iroite, mte. Culou e as aldeas que están nas súas ladeiras. Dende a cima, a vista panorámica podemos observa-la facendo un xiro de 360º. As aldeas do concello de Rianxo témolas ós nosos pés (Campelo, Bustelo e Vilar) e, por suposto, a ría de Arousa, dende a desembocadura do río Ulla coas illas de Arousa, Cortegada, Ons e as Cíes e tódalas poboacións que se reflexan nas súas augas: Vilagarcía, Rianxo, Boiro, Pobra, Riveira...Vemos en toda a súa amplitude a serra do Barbanza e a continuación de Noia e Muro s. Se as nubes nolo permiten observaremos Santiago de Compostela, incluidas as torres da Catedral.
Dicir que ás veces unha foto non é o reflexo da realidade e nada mellor que contemplar cos nosos propios ollos estas magníficas paisaxes.
Mapa ruta da Muralla