Castros - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Turismo
Patrimonio
Restos Arqueolóxicos
Patrimonio
Restos Arqueolóxicos

Restos Arqueolóxicos

Son poboacións fortificadas nas que habitaban as tribus que vivían na Gallaecia anterior ós romanos dende o primeiro milenio antes de Cristo, ata o século V d. C. Foron coetáneos cos romanos trala conquista por parte dos mesmos, do territorio da actual Galicia. Poden distinguirse pola súa forma circular (da muralla de pedra que os rodea) e nalgúns casos ata se pode ver o foxo que o bordeaba.

Dentro do territorio lousamiano, pódense distinguir varios recintos castrexos, integrados no medio no que se atopan, leiras ou montes, case sempre cubertos pola vexetación. O máximo estudioso destes vestixios foi Xerardo Agrafoxo, xa dende os anos 80, e na súa Prehistoria e Arqueoloxía na Terra da Barbanza, fala dos sete castros que hai en Lousame.

O mellor conservado dos sete é o de Comparada, que se atopa na beira da AC-308 ó pasa-la citada aldea, onde sae o ramal cara Servia. Hai un camiño de carro que nos conduce cara o recinto (onde se atopaban as vivendas). Alí hai unha leira circular, con pinos no medio. A muralla do castro nalgunhas partes do exterior chega a acadalos 5 m. de alto.

Preto deste está o de Servia, situado na beira dereita do Río Vilacoba, nun meandro sobre un acantilado, que lle serve de defensa natural. Actualmente, dentro do recinto hai unha carballeira, e no lado oposto ó río consérvase aínda o muro defensivo.

Tamén na beira do Vilacoba, pero na esquerda, atopamo-lo terceiro castro, no lugar do Coto do Castro, moi cerca da Fábrica de papel de Fontán. Está sobre unha pequena elevación do terreo cuberta por maleza na que apenas se distinguen elementos castrexos, debido en parte a que no S. XIX foron empregadas as pedras para a construcción da fábrica de papel.

O cuarto castro, o de Lourido na parroquia de Tállara, está sobre o cume dun outeiro que lle serve como defensa natural. Tamén nesta parroquia está o Castelo de San Mamede, que se atopa erguido sobre o cume deste monte, no que abundan grandes rochas graníticas. Ó lado deste atopouse un concheiro no que se apreciaba a importancia dos alimentos do mar na dieta dos seus poboadores.

Xa na parroquia de Fruime, temos o Castelo do mesmo nome, ubicado igualmente no medio de impoñentes penedos graníticos que forman parte do Afloramento Granítico do Confurco. Sitúase a similar altitude que o de San Mamede, arredor dos 350 m., e neste poden distinguirse apenas restos das pedras que formaron os muros, no medio das grandes rochas sobre as que se atopa.

O Castro de Berrimes, situado no alto do monte desta aldea, consiste nun recinto circular irregular dentro do que hai un piñeiral e arbustos.

Todos estes xacementos arqueolóxicos están á espera de seren excavados para así poder coñecer máis dos habitantes prehistóricos de Lousame.

Fotos do castro de Servia:

Fotos do castro de Comparada:

Fotos do castro de Fruíme: