O Concello de Lousame é moi rico nestes elementos arquitectónicos que sempre erguen a cruz, como o máis universal dos símbolos, nos nosos montes, encrucilladas, fontes, adros, pontes... Caracterízanse polo seu número, beleza, esveltez do varal e delicadeza nas labras dos capiteis. Destaca o de San Xusto, como un dos máis antigos do Concello (1663), o da Fonte de Quintáns de Berrimes, cunha impresionante imaxe do desencravo, obra do Santeiro de Chave (ano 1889), e o de Berrimes, estando actualmente restaurado, xa que foi parcialmente destruido. Data do S. XVI. Nalgúns casos aparecen formando conxunto con fontes, coma no caso de Camboño, ou nos adros e nos camiños das aldeas cara os cemiterios parroquiais.
Nas fotos preséntanse diferentes tipos de cruceiros que podemos ver en Lousame.