Emotiva despedida a Ebru Karaca e Dilara Güven, voluntarias turcas que colaboraron nas actividades do Concello nos últimos 9 meses - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

Ademais de colaborar nas distintas actividades de voluntariado municipal, desenvolveron un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre en inglés para nenos e nenas de Lousame.

A concelleira de Mocidade, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, José Manuel Outeiral, presidiron o acto de despedida das dúas voluntarias turcas, Ebru Karaca e Dilara Güven, que participaron durante os últimos nove meses no proxecto europeo “Actividades interxeracionais de voluntariado”. Un acto celebrado na noite do pasado venres no auditorio de Lousame e que pillou por sorpresa a ambas as dúas voluntarias, que mañá martes volven á súa Turquía natal.

Ao acto asistiron preto dun cento de persoas, entre voluntarios/as, integrantes da UNED Sénior de Lousame, do grupo O Son do Pote e do Concello de Lousame que compartiron con elas estes nove meses de traballo: punto de atención á infancia, centro de día, colexio, campamentos de verán... Incluso durante o verán organizaron un novidoso curso gratuíto de actividades de tempo libre en inglés a nenos e nenas de entre 5 e 14 anos de idade.

Silvia Agrafojo aproveitou para agradecer “todo o esforzo que fixeron tanto Ebru como Dilara desenvolvendo actividades de carácter social e cultural que lles valeron o cariño de moitos veciños e veciñas de Lousame”. Ademais de entregarlles o diploma acreditativo da experiencia adquirida nos últimos nove meses, Agrafojo e Outeiral agasalláronas con sendas figuras de Sargadelos: unha dun faro, pola visita realizada ás illas Cíes, e outra dun gaiteiro, polo achegamento de Ebru Karaca con ese instrumento.

De feito, o Grupo o Son do Pote e as pandereteiras da Aula Sénior da UNED quixeron colaborar poñendo a música ao acto, entregándolles ás dúas voluntarias cadanseu colgante co seu nome e unha ducia de cadros elaborados por un artista local das distintas actividades nas que tomaron parte Ebru e Dilara. Moi emocionadas, Dilara só conseguiu agradecer todas as mostras de cariño pois “foi unha sorpresa, quérovos a todos e vouvos botar moito de menos”; mentres que Ebru lles asegurous que “sodes a miña segunda familia. Espero volver no verán ou o antes posible”.

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. En 2017 iniciou este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova; entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucarína Oksana Kalinicheko e a rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19.