O Concello de Lousame inicia as obras de mellora nos accesos á localidade de Pousada - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

O Concello de Lousame vén de iniciar as obras de mellora nos accesos a Pousada, localidade da parroquia de Tállara, nos que investirá 13.774 euros. Uns traballos incluídos dentro do Plan Único de Concellos POS+2017 e que consisten na mellora da estrada de acceso á localidade, á que se dotará dunha cuneta de seguridade e recollida de augas pluviais.

As obras mellorarán os accesos a Pousada dende a estrada DP-1104 Ponte Beluso-San Francisco, ao longo camiño de 570 metros de longo e 4 de ancho. O obxectivo é acometer 125 m2 de sobreanchos sobre a calzada, ademais de mellorar a súa capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes.

Así mesmo, executarase 50 metros de cuneta de seguridade revestida en formigón, baixo a que se canalizará unha tubería para a recollida de augas pluviais. Finalmente contémplase a limpeza de gabias e salvagabias para garantir unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal.

Estas obras súmanse ás iniciadas na aldea de Berrimes, onde o Concello de Lousame está a investir outros 14.000 euros nunha actuación moi semellante á acometida en Pousada, pois inclúe tamén mellora da capa de rodaxe e instalación de recollida de pluviais e cuneta de seguridade, nese caso en dous tramos dun camiño de 340 metros de longo.

 

ObrasPousada2ObrasPousada3