Un total de 75 rapaces e rapazas de Lousame participan no espectáculo “Contamos todas”, promovido polo Fondo Galego de Cooperación - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

A sesión combinou os contos cun obradoiro participativo no que o alumnado reflexionou arredor da igualdade de xénero

Un total de 75 estudantes de 2º, 3º e 4º da ESO do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro (Lousame) participaron esta mañá no espectáculo “Contamos todas”, un contacontos e obradoiro a prol da equidade de xénero que a compañía A Tropa de Trapo está a representar en dez municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A compañía compostelá mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar ao alumnado, na semana en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

A concelleira da Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, foi a encargada de dar a benvida ao alumnado no auditorio da Casa da Cultura e salientou que “é un privilexio ser un deses dez concellos que pode contar cunha actividade deste nivel grazas á colaboración do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”. Silvia Agrafojo salientou que “se dende o Concello de Lousame apostamos por traballar estas cuestións con rapaces e rapazas da vosa idade é porque é cando tendes que tomar conciencia da importancia da igualdade e da loita contra a violencia de xénero”.

A maiores, o Concello de Lousame tamén está a celebrar durante esta semana obradoiros “Engánchate ao bo trato” no Servizo Lousame Concilia, nos que participan 20 nenos e nenas que utilizan este servizo de conciliación familiar. Neste caso están a traballar, dun xeito lúdico, a importancia dos valores do respecto e a tolerancia como ferramentas básicas para facilitar a convivencia entre as persoas.

Contamos todas

Centrada na desigualdade e na violencia de xénero, a sesión desta mañá abriuse cos contos ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘Liberia’, exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, casos de empoderamento, rebeldía e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión do alumnado, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.