O Concello de Lousame convida á veciñanza a participar o venres 24 de novembro na III Andaina contra a Violencia de Xénero - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Todas as Novas
Novas

Novas

Sairá ás 12:30 horas do CPI Cernadas de Castro e percorrerá 2,1 km ata a Praza do Concello, onde haberá unha actuación teatral, darase lectura a un manifesto institucional e gardarse un minuto de silencio polas vítimas

16 de novembro de 2016.- A Concellería de Igualdade do Concello de Lousame convoca a terceira edición da Andaina conta a Violencia de Xénero, que terá lugar o próximo venres 24 de novembro, a partir das 12:30 horas. A participación está aberta a toda a cidadanía e é totalmente libre e de balde, non sendo precisa inscrición algunha.

O punto de encontro será o CPI Cernadas de Castro, ás 12:30 horas, onde se sumará o alumnado da ESO do centro escolar e se repartirá un agasallo co lema “Engánchate ao bo trato” entre todas as persoas participantes. A andaina, portando distintas pancartas de rexeitamento á violencia de xénero, desenvolverase ao longo de 2,1 quilómetros pola estrada DP.4201 Portobravo-Confurco, ata a Praza do Concello (Portobravo).

Unha vez na praza Teodomiro Hidalgo (Portobravo), terá lugar unha representación teatralizada sobre como é o inicio da violencia de xénero nas parellas adolescentes. Un acto que rematará coa lectura dun manifesto de rexeitamento da violencia machista, a cargo da concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, e gardarase un minuto de silencio en memoria das máis de cincuenta mulleres asasinadas e das súas familias.

Silvia Agrafojo fai un chamamento á participación da veciñanza nesta iniciativa xa que “queremos que as vítimas sintan o noso apoio e que a violencia non quede no ámbito do privado. Hai que denunciar as agresións. Só así chegaremos a unha sociedade verdadeiramente xusta e igualitaria”. Para facilitar a participación, que é totalmente de balde e non fai falla inscrición previa, o Concello de Lousame porá transporte de volta dende a praza Teodomiro Hidalgo ao colexio a disposición de todos os participantes na andaina. No caso de choiva, todos os actos trasladaríanse ao ximnasio do colexio, ás 13.30 horas.

Outras actividades

Convencidos de que a educación é un piar fundamental na loita pola igualdade de xénero, o Concello de Lousame porá en marcha este luns 20 de novembro unhas charlas informativas nas que participarán 49 mozos, de 14 a 16 anos, do CPI Cernadas de Castro. Correrán a cargo de persoal especializado do Centro de Recuperación Integral para vítimas de violencia de xénero e versarán sobre “O ciberacoso” e “As relacións tóxicas nas parellas adolescentes”. Unhas actividades organizadas polo Concello de Lousame, en colaboración coa FEGAMP e a Secretaría Xeral da Igualdade. 

A Casa da Cultura de Lousame acollerá o mércores 22 de novembro o espectáculo “Contamos todas”, do grupo Tropa de Trapo, ao que asistirán 75 rapaces e rapazas de secundaria do CPI Cernadas de Castro. Esta actuación combina un obradoiro con historias sobre mulleres que amosan exemplos de superación, rebeldía, equidade e empoderamento contadas con música en directo. Unha actividade organizada polo Concello de Lousame en colaboración co Fondo Galego de Cooperación Internacional.

Finalmente, na semana do 20 ao 24 novembro celebraranse obradoiros “Engánchate ao bo trato” no Servizo Lousame Concilia. Neles participarán os 20 nenos e nenas que utilizan este servizo de conciliación familiar, que traballarán de xeito lúdico a importancia dos valores do respecto e a tolerancia como ferramentas básicas para facilitar a convivencia entre as persoas.