No mes de abril o municipio recibirá a dúas persoas extranxeiras como voluntarias.
O Concello de Lousame senta as bases para poñer en marcha o proxecto “Xuventude activa no medio ambiente”. Trátase dun programa que inclúe a celebración de obradoiros de reciclaxe e de análise da bolsa do lixo, así como actividades de limpeza, sensibilización e recuperación de espazos deteriorados en diversos sendeiros do municipio. Tamén se propón a realización dun mural colaborativo antipolución, no que se empregarán produtos ecolóxicos e sostibles.
Para o desenvolvemento desta iniciativa o Executivo local solicitou a colaboración da Federación Española de Municipios e Provincias. A través de distintas axudas ou convenios de colaboración poderían financiarse distintas actividades dirixidas á xuventude lousamiá.
Por outra banda, o Executivo de Lousame tamén presentou a súa solicitude para recibir a subvención do programa ‘Corpo Europeo de Solidariedade’ a través do cal se desenvolve o proxecto de voluntariado europeo ‘Actividades interxeracionais de voluntariado’.
A previsión é que no vindeiro mes de abril, o Concello de Lousame poida acoller a dúas persoas de nacionalidade turca como voluntarias para participar en diferentes actividades do concello ata finais de abril. Dende o Goberno local xa puxeron en marcha a tramitación deste proxecto no marco do programa de voluntariado europeo.
Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame, explicou que “unha das prioridades do noso Executivo sempre foi dinamizar o noso concello a través de actividades dirixidas á mocidade, así como aos máis pequenos e aos maiores. Pero ademais o noso obxectivo é que as propostas de acción estean ligadas aos recursos naturais de Lousame e ao potencial turístico, económico e cultural do noso concello. Estes dous novos proxectos responden a este compromiso”.