Buscanse voluntarios para o programa de acompañamento de persoas da terceira idade - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Servizos Sociais
Novas
Novas Servizos Sociais

Novas Servizos Sociais

Segundo os datos de Servizos Sociais, 157 persoas maiores viven soas no municipio, polo que agora buscan persoas voluntarias para esta iniciativa

Lousame, 15 de marzo de 2021.- Un total de 157 persoas maiores viven soas no concello de Lousame, segundo os datos recollidos dende o departamento de Servizos Sociais durante o último exercicio. Ante esta cifra, o Executivo local pon en marcha un novo programa de acompañamento para axudar a estas persoas no seu día a día. Os departamentos de Servizos Sociais e de Voluntariado coordinarán esta iniciativa, que consiste en programar unha visita semanal dunha hora de duración dunha persoa voluntaria ao domicilio da persoa maior. O obxectivo é que, co paso do tempo, se estableza un vínculo de confianza entre ambas persoas e sobre todo evitar situacións de illamento social. Durante ese período de tempo, a persoa voluntaria, que previamente recibirá indicacións por parte dun técnico de Voluntariado, deberá facilitar e potenciar a autoestima, mostrar empatía e dar ferramentas e recursos para paliar a soidade.

Na actualidade, búscanse persoas voluntarias que dispoñan dunha hora libre á semana para exercer este voluntariado, para o que non é necesario dispoñer de vehículo. Todas as persoas interesadas en participar no programa de acompañamento pode inscribirse a través do departamento de Servizos Sociais, no número de teléfono 981 820 494.

En caso de que as restricións pola situación sanitaria non permitan asistir aos domicilios, o servizo prestarase a través do teléfono, de xeito que se faga un seguimento das persoas maiores que viven soas.

Durante os meses do confinamento ao longo de 2020, o departamento de Servizos Sociais puxo en marcha esta iniciativa na que se acudiu ao fogar de 10 persoas maiores e se fixo seguimento telefónico doutras 150. A experiencia foi moi positiva, posto que implica dotar dunha rede de apoio a estas persoas que, en moitas ocasións, teñen dificultades para a interacción coa sociedade.

Este programa está financiado pola consellería de Política Social da Xunta de Galicia.