O Concello de Lousame remata as obras de construción do parque infantil do CPI Cernadas de Castro, no que investiu 63.000 € - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Servizos Sociais
Novas
Novas Servizos Sociais

Novas Servizos Sociais

2 de novembro de 2017.- O Concello de Lousame vén de rematar as obras de construción dun parque público infantil no CPI Cernadas de Castro (A Silva), no que investiu un total de 63.000 euros. Así o puido comprobar a concelleira de Ensino, Silvia Agrafojo, quen visitou as novas instalacións instalacións construídas grazas a unha subvención de 40.000 euros da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia e que contaron cunha achega de 22.000 euros de fondos propios do Concello de Lousame.

O novo parque infantil, emprazado canda o areeiro do colexio, conta cun chan de caucho compacto de cores e está equipado con cinco xogos, entre os que destaca un deles que está formado por catro torres con dous tobogáns, tres pasarelas de equilibrio diferentes, rocódromo e barra de bombeiros. Tamén se instalaron dous xogos de resorte para nenos/as menores de 12 anos, un columpio de cesto (equipado cun asento berce para os máis pequenos) e un columpio mixto cun asento plano de caucho e outro asento berce. O chan instalado é moito máis duradeiro, limpo, hixiénico e seguro para os nenos e nenas que o actual de area. Ademais, conta cun valado perimetral de seguridade en cores.

A concelleira de Ensino salienta que “nos últimos anos levamos investidos máis de 140.000 euros na mellora e acondicionamento de cinco parques infantís como son os de Portobravo, Escabia, Béxeres, Tállara e agora en Cruído porque o noso obxectivo é que en cada parroquia haxa un parque infantil en boas condicións”. Sen embargo, Silvia Agrafojo destaca especialmente as actuacións levadas a cabo no Punto de Atención á Infancia de Tállara e no CPI Cernadas de Castro “xa que son os dous puntos onde se concentran máis nenos e nenas, polo que sabemos que van desfrutar moito destas novas instalacións”.