O presidente da Deputación da Coruña comprométese ao arranxo por fases da DP 4201 Portobravo – Aldea Grande - Confurco - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Servizos Sociais
Novas
Novas Servizos Sociais

Novas Servizos Sociais

Teresa Villaverde destaca que “trátase dunha estrada moi estreita e moi transitada xa que por aí se accede ao museo das Minas de San Fins”

26 de outubro de 2017.- O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou este xoves unha visita institucional ao Concello de Lousame, no que o Plan Único da institución provincial investirá máis de 1,3 millóns de euros no bienio 2017-2018, que se dedicarán fundamentalmente á mellora de camiños e estradas locais, así como ao financiamento de servizos básicos municipais.

González Formoso foi recibido á súa chegada ao concello pola alcaldesa, Teresa Villaverde, e polos membros da corporación municipal. Villaverde aproveitou a presenza do presidente provincial para pedir o seu apoio para dous proxectos: “o arranxo da estrada de Comparada a Ponte Beluso, que necesita unha especial atención, e facer unha nova fase da estrada de Portobravo ao Confurco, pasando por Aldea Grande e Chave, que precisa unha urxente actuación para mellorar a seguridade viaria pois é moi estreita e moi transitada, xa que por aí se accede ao museo das Minas de San Fins e ten un tramo que está moi mal”.

Unha situación que despois puido comprobar sobre o propio terreo o presidente provincial, quen se comprometeu a acometer o arranxo do viario. “Collo o guante e comprométome a ir facendo por fases ese vial”, apuntou González Formoso, que mesmo chegou a recoñecer que era unha das actuacións máis urxentes que se precisa acometer nunha estrada provincial.

Villaverde comprometeuse a presentar o proxecto na Deputación nos próximos días e calculou que “serán algo menos de 300.000 euros”, ao tempo que aproveitou para agradecer a actuación que a Deputación vai acometer nesa mesma estrada, a DP 4201, concretamente na localidade de Aldea Grande. “É unha vía con moito tráfico e moi perigosa para os peóns. Xa se fixeron as expropiacións e agardamos que se faga o antes posible”, apuntou Villaverde.

Plan Único

Por outra banda, González Formoso explicou as vantaxes que o novo Plan Único, dotado co maior orzamento da historia da Deputación, supón para os pequenos municipios como Lousame. Entre elas, Formoso destacou que o tamén chamado POS+ ofrece "total transparencia na asignación de recursos, que se distribúen entre os concellos baseándose en criterios obxectivos como a poboación, a superficie ou o número de parroquias", o que ofrece aos gobernos municipais unha fonte de financiamento estable e favorece a planificación de investimentos dun ano a outro.

Outra das vantaxes, segundo explicou o presidente, é o "incremento da autonomía municipal", xa que o Plan Único permite que os concellos sexan os que determinan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos que achega a Deputación. Esta forma de funcionamento supón "un cambio radical" con respecto ao funcionamento tradicional da Deputación, que antes creaba plans máis finalistas como os de construción de campos de herba artificial ou piscinas, aos que os concellos tiñan que adaptarse se desexaban contar con estes investimentos. "Agora son os concellos os que deciden que obras acometer", puntualizou Formoso, que considerou que esta forma de funcionar "ten sentido porque ninguén mellor que cada concello coñece as súas prioridades".

Pola súa banda, a alcaldesa Teresa Villaverde considerou "moi positivo para os concellos" que o Plan Único unifique os distintos plans provinciais e aposte por unha maior autonomía municipal. A alcaldesa destacou o "gran esforzo que facemos todos os anos para adecentar pistas e camiños municipais nun concello que conta con 93 quilómetros de extensión e apenas 4.000 habitantes" e resaltou a importante contribución dos fondos da Deputación para atender as necesidades dos pequenos municipios da provincia.

Así mesmo, indicou que “dixen que o Plan Único minoraba as achegas que recibira o Concello de Lousame co Goberno anterior pero teño que dicir que, agora que saíu o POS+ quedamos case igualados”.

Melloras de camiños e infraestruturas en Lousame

Segundo explicou Formoso, o concello percibirá este ano unha achega de 743.131,80 euros, aos que se sumarán en 2018 outros 627.105 euros. Co investimento do POS+ 2017, Lousame financiará a mellora do camiño ao complexo medioambiental de Servia (165.000 €), o camiño de Crons á Igrexa de Camboño (109.673 €), o acceso a Pousada e outros (40.830 €), ou o camiño Cruido-Seoane (132.112,32 €). Durante a visita, o presidente e a alcaldesa visitaron tamén o aceso a Berrimes, renovado cun investimento provincial de 45.496 euros e os parque infantís de Portobravo e Escabia, mellorados con cargo ao Plan de Acción Social (PAS).

Con cargo tamén a este programa mellóranse os locais sociais de Aldea Grande, Béxeres, Vilacova, Escabia e Lesende e outras pistas de titularidade municipal en Camboño-Miñortos e San Xusto.

O Plan Único financia servizos públicos esenciais

Lousame destina unha parte importante das achegas do Plan Único 2017 (268.353 euros) a financiar parte do gasto corrente do municipio. Formoso destacou a importancia destas achegas para que os concellos podan financiar servizos públicos esenciais como o alumeado público, o acceso a núcleos, a limpeza e mantemento de vías públicas ou a rede de saneamento e abastecemento de auga. "Servizos que moitas veces non se ven, pero que son fundamentais nun concello e melloran a calidade de vida dos veciños", apuntou.

Máis de medio millón na mellora de estradas provinciais

González Formoso destacou tamén que a Deputación ten programados investimentos por importe de máis de 571.000 euros para a mellora da rede de estradas provinciais do municipio.

En concreto, a área de Vías e Obras da institución provincial vén de completar este mesmo mes os trámites de expropiacións que permitirá a execución das obras de ampliación e mellora da DP 4201 en Aldea Grande (cun presuposto de 304.174 euros) que consistirán na ampliación da plataforma e a construción dunha senda peonil nun tramo de aproximadamente medio quilómetro.

Tamén neste mes de outubro, levouse a cabo o proceso inicial das expropiacións necesarias para a construción dunha nova ponte sobre o rego Pesqueira, na estrada DP 4202 de Aldea Grande ao Couto. Esta obra, que conta cun orzamento de 267.588,95 euros, consistirá na demolición do viaduto actual, de só cinco metros de ancho, "para construír unha nova ponte de 12 metros de ancho e contará cun itinerario peonil seguro para os veciños", explicou González Formoso.

A nova ponte estará dotada con dous carrís de 3,5 metros e beirarrrúas de 2,25 metros en ambas marxes, que estarán recubertas con baldosa hidráulica, o que permitirá cruzar a pé con total seguridade.