O Concello de Lousame inviste 63.000 euros na construción dun parque público infantil no CPI Cernadas de Castro - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Educación
Novas
Novas Educación

Novas Educación

A alcaldesa Teresa Villaverde agarda que as obras poidan estar rematadas a finais do mes de novembro

11 de outubro de 2017.- O Concello de Lousame vai investir 63.000 euros na construción dun parque público infantil no CPI Cernadas de Castro (A Silva). Unhas obras que deron comezo esta mesma semana e ás que o Concello de Lousame achega algo máis de 22.000 euros, xa que o resto será financiado con cargo a unha subvención da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, salienta que “cada ano estamos intentando arranxar un ou dous parques infantís, sobre todo naquelas zonas onde vaian ser máis utilizadas por nenos e nenas. Por iso presentamos un proxecto en Vicepresidencia para poder actuar no colexio, que é onde máis nenos e nenas poderán desfrutar destas novas instalacións”. Villaverde explica que “esperamos que a finais de novembro estean rematadas as obras, que non puideron comezar antes porque a financiación chegou a mediados de verán”.

 

Características do novo parque

O novo parque infantil contará cun chan de caucho compacto de cores, un pavimento moito máis duradeiro, limpo, hixiénico e seguro para os nenos e nenas que utilicen estas instalacións. Ademais, contará cun valado perimetral en cores.

O parque estará equipado con varios xogos, entre os que destaca un conxunto formado por catro torres con tellado a dúas augas, dous tobogáns, tres pasarelas de equilibrio diferentes, rocódromo e barra de bombeiros. Tamén se instalará un xogo de resorte para nenos/as menores de 12 anos, un columpio de cesto equipado cun asento berce para os máis pequenos e un columpio mixto cun asento plano de caucho e outro asento berce.

Ata o momento, o Concello de Lousame levaba investidos máis de 80.000 euros no acondicionamento de catro parques infantís nos dous últimos anos: Portobravo (Lousame) e Escabia (Fruíme) en 2016 e na escola de Béxeres e no Punto de Atención á Infancia (Tállara) en 2015. “Pretendemos conseguir que en cada parroquia haxa un parque infantil en boas condicións”, explica Teresa Villaverde.