Máis de duascentas persoas participaron na primeira edición da Andaina San Silvestre de Lousame que partiu das minas de San Finx - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Deportes
Novas
Novas Deportes

Novas Deportes

Pola tarde terá lugar a primeira edición do Trail, no que están inscritas 193 persoas, percorrido será de 16 quilómetros, con premios para os tres primeiros clasificados da categoría masculina e feminina

30 de decembro de 2017.- Gran éxito de participación na primeira edición do Trail e da Andaina San Silvestre de Lousame 2017, que se está a celebrar hoxe sábado en Lousame e que reuniu a máis de duascentas persoas na andaina matutina e conta con 193 persoas inscritas no Trail, que se disputará entre as 15:40 e as 18:30 horas. Unha iniciativa organizada polo Club Lousame Deporte e que conta coa colaboración do Concello de Lousame, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella Noia, a rede de Voluntariado local e o Club de Atletismo de Lousame.

As previsións de tempo inestable botaron atrás a gran número de inscritos na Andaina, sobre todo aqueles procedentes de máis lonxe. Iso non impediu que máis de duascentas persoas se deran cita a primeira hora da mañá no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, onde recolleron o seu dorsal e un agasallo en forma de braga técnica para a protección do pescozo e conmemorativa desta primeira edición. Uns camiñantes que foron trasladados ata as minas de San Finx en varios autobuses dispostos por Autobuses Comparados, un dos patrocinadores da proba.

Moitos aproveitaron entre as 9:30 e as 10:00 horas para coñeceren o poboado mineiro de San Finx e visitar o Centro de Interpretación das Minas de San Finx, que tamén estará aberto de xeito extraordinario durante esta tarde, entre as 14:15 e as 17:30 horas coa posibilidade de facer visitas guiadas. Tras unha explicación do percorrido por parte do presidente do Club Atletismo Lousame, Néstor Romero, e do técnico municipal de Deportes, Germán Romero, a encargada das visitas no centro de interpretación, Mayte Sobradelo, explicoulles brevemente aos presentes a historia das minas de San Finx.

Ademais, contou coa colaboración dun xinete caracterizado como o médico das minas, Don Teo, que acompañou aos camiñantes durante a primeira parte do percorrido. Un percorrido de 16 quilómetros polos montes lousamiás que os participantes fixeron ao seu ritmo e sempre vixiados tanto por membros de Protección Civil de Lousame como por voluntarios que os acompañaban durante o percorrido.

Trail

O tempo acompañou durante gran parte da mañá e, salvo algunha chuvieira débil a primeira hora, permitiu que a proba se desenvolvese sen incidencia ningunha, máis aló da sorpresa dalgún que outro camiñante que descoñecía os desniveis da primeira parte do percorrido.

Un percorrido que comezaba no complexo mineiro de San Finx para subir ata Marselle, dende onde os camiñantes se desprazaron cara o lugar de Aguieira, onde tiveron o primeiro avituallamento de líquidos e sólidos, cortesía de Frutas Vanesa e MC Bikes. O percorrido continuou dende o mirador da Aguieira baixando a Lesende e a Vilacoba, pasando pola Ponte Gaiteira e enlazando cun tramo da ruta de sendeirismo do Río Vilacoba-San Xusto para chegar á fábrica de Fontán (O Castro), onde tivo lugar o segundo avituallamento de líquidos e sólidos.

O último tramo comprendeu a subida á aldea de Pastoriza para finalmente baixar polo monte de Cruído ata o polideportivo Pilar Barreiro Senra, onde comezaron a chegar a iso das 13:30 e 14:00 horas, dependendo do ritmo de cada quen. Todos os participantes na andaina e no trail contaron cun avituallamento final no polideportivo, ademais de servizo de duchas, gardarroupa e mesmo fisioterapia, cortesía de Physis Centro de Fisioterapia.

Os participantes no Trail recollerán os dorsais no polideportivo entre as 13:45 e as 15:00 horas. A saída da proba terá lugar ás 15:40 horas e haberá autobuses ata as minas de San Finx ás 14:00, ás 14:30 e ás 15:00 horas. Ás 18:30 horas está prevista a entrega dos premios aos 3 primeiros clasificados do Trail nas categorías masculina e feminina.

Evento solidario

Ademais do compoñente deportivo e turístico desta proba, a Andaina San Silvestre de Lousame doará os máis de 1.300 euros recadados coas inscricións a unha iniciativa solidaria da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) que, á súa vez, entregará estes fondos ao equipo do doutor Federico Martino Torres, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, para iniciar as investigacións sobre esta enfermidade ultrarrara.

Ambas probas contaron co patrocinio das empresas Fermín Simal Construcións, Autos Comparado, Physis Centro de Fisioterapia, Deportes Casais, Lolita Moda, Frutas Vanesa, MC Bikes e Econosa.