A primeira edición do Trail e Andaina San Silvestre de Lousame reunirá este sábado a 471 persoas nas minas de San Finx - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Deportes
Novas
Novas Deportes

Novas Deportes

O percorrido será de 16 quilómetros, con saída no complexo mineiro e chegada no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra

27 de decembro de 2017.- A primeira edición do Trail e Andaina San Silvestre de Lousame 2017 reunirá este sábado 30 de decembro a un total de 471 persoas nas minas de San Finx: 280 para participar na andaina matutina e 191 para tomar parte no Trail da tarde. Unha iniciativa organizada polo Club Lousame Deporte e que conta coa colaboración do Concello de Lousame, Protección Civil de Lousame, Cruz Vermella Noia, a rede de Voluntariado local e o Club de Atletismo de Lousame.

Ademais do compoñente deportivo e turístico desta proba, o Trail e a Andaina San Silvestre de Lousame doará os máis de 3.500 euros recadados coas inscricións a unha iniciativa solidaria da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) que, á súa vez, entregará estes fondos ao equipo do doutor Federico Martino Torres, do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, para iniciar as investigacións sobre esta enfermidade ultrarrara.

Xornada

Tanto a Andaina como o Trail terán un percorrido de 16 quilómetros, ambas con punto de partida no poboado das Minas de San Finx e de chegada no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. En ambos casos, a recollida de dorsais realizarase no pavillón municipal. Dende alí, os participantes serán trasladados ata o punto de saída en bus, da man de Autos Comparado, patrocinador da proba.

Os participantes da Andaina deberán recoller os seus dorsais entre as 08:15 e as 09:15 para coller o autobús ás 09:20 horas. A saída da Andaina está prevista ás 10:00 horas. No caso dos inscritos no Trail, deberán recoller os dorsais no polideportivo entre as 13:45 e as 15:00 horas. A saída da proba terá lugar ás 15:40 horas e haberá autobuses ás 14:00, ás 14:30 e ás 15:00 horas.

Os 471 asistentes sairán do complexo mineiro de San Finx para subir seguindo unha liña de alta tensión ata Marselle, dende onde se desprazarán cara o lugar de Aguieira, onde estará o primeiro avituallamento de líquidos e sólidos. O percorrido continuará dende o mirador da Aguieira baixando a Lesende e Vilacoba. Alí pasarán pola Ponte Gaiteira e enlazarán cun tramo da ruta de sendeirismo do Río Vilacoba-San Xusto para chegar á fábrica de Fontán (O Castro). Aquí habilitarase o segundo avituallamento de líquidos e sólidos e tamén haberá algunha sorpresa en forma de actuación para os participantes.

O último tramo comprenderá a subida á aldea de Pastoriza para finalmente baixar polo monte de Cruído ata o polideportivo Pilar Barreiro Senra. Todos os participantes contarán cun avituallamento final neste lugar e con servizo de duchas e fisioterapia.

Apertura do Centro de Interpretación

Aproveitando a celebración das dúas probas, o Centro de Interpretación das Minas de San Finx estará aberto o sábado 30 de decembro. Así, todos os interesados en participar nunha visita guiada ou en percorrer as súas instalacións de xeito gratuíto poderán facelo entre as 09:30 e as 10:00 horas e entre as 14:15 e as 17:30 horas.

Ambas probas contan co patrocinio das empresas Fermín Simal Construcións, Autos Comparado, Physis Centro de Fisioterapia, Deportes Casais, Lolita Moda, Frutas Vanesa e Econosa.

 

Cartel TRAIL 2017 definitivo