O espectáculo ‘Contamos todas’ continúa en Lousame a xira por dez concellos do Fondo Galego - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

A Tropa de Trapo combina os contos cun obradoiro participativo para facer reflexionar ao alumnado de Lousame arredor da igualdade de xénero

 

Lousame, 21 de novembro de 2017. A Tropa de Trapo continúa mañá mércores 22 de novembro en Lousame a xira ‘Contamos todas’, un espectáculo a prol da equidade de xénero que está a percorrer dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A actuación desenvolverase a partir das 10.30 horas na Casa da Cultura, para 75 estudantes de 2º, 3º e 4º da ESO do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro. A compañía compostelá mesturará historias contadas con música en directo e obradoiros participativos para facer reflexionar ao alumnado, na semana en que se conmemora o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Centrada na desigualdade e na violencia de xénero, a sesión abrirase cos contos ‘As mulleres de Torneiros’ e ‘Liberia’, exemplos de vida de mulleres que se enfrontaron a diversas situacións. Historias para pensar, casos de empoderamento, rebeldía e superación. A actividade leva aparellado un obradoiro no que se contará coa opinión do alumnado, para rematar representando as súas propias propostas mediante o emprego de técnicas do Teatro da Oprimida. Ademais de Lousame, a proposta recalou ou recalará nos municipios de Xove, Silleda, Tomiño, O Barco, Carballo, Monforte, Burela, Valga e Malpica.

A Tropa de Trapo

Marta Ortiz e Brais das Hortas levan dez anos percorrendo a xeografía galega como A Tropa de Trapo, un proxecto co que recollen e crean contos para levalos a escena con música en directo, ben con instrumentos habituais como con outros elaborados a partir de refugallos. Os seus espectáculos, de carácter participativo, buscan un equilibrio entre entreter e educar, cun trasfondo social e unha vertente pedagóxica coidada. Por un lado, ritmo, música, narración áxil e pingas de humor. E, por outro, a convicción profunda da necesidade de falar de valores como a liberdade, a solidariedade, o respecto ou a igualdade.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.

ÁREA DE COMUNICACIÓN

Carmen Novas    616 145 077

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.