Unha ducia de veciñas de Lousame expón na Casa da Cultura unha selección dos traballos feitos no curso de corte, confección e patchwork - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

A exposición poderá visitarse ata o vindeiro 6 de novembro

 

7 de outubro de 2017.- Unha ducia de veciñas de Lousame expón dende hoxe na Casa da Cultura unha selección dos mellores traballos realizados durante os dous últimos anos no Curso de Corte, Confección e Patchwork, organizado polo Concello de Lousame. Despois dun ano sen expoñer, debido sobre todo á complexidade e laboriosidade dos traballos que se amosan na mostra deste ano, a exposición foi inaugurada esta mañá pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

A alcaldesa de Lousame felicitou a esta ducia de veciñas “por un traballo moi ben feito do que saíron pezas dignas de estar en calquera exposición e incluso á venda en tendas” e salientou tamén “o efecto terapéutico que ten este curso, pois é un punto de encontro para as veciñas que desfrutan do seu trabalo ao tempo que o pasan ben e traban amizade”. Así mesmo, amosouse convencida de que será unha mostra moi visitada pola veciñanza, que poderá disfrutar dela na sala de exposicións da Casa da Cultura, en horario de 9:00 a 14:00 horas, ata o vindeiro 6 de novembro.

Entre o medio cento de pezas que están incluídas na exposición figuran colchas, manteis, coxíns, bolsos, camisetas... Incluso figuras de animais, como tartarugas e patos, ou un simpático verme multicolor elaborado pola alumna máis nova do curso, de seis anos e que comezou a elaboralo cando tan só tiña 5 anos.