Máis de 500 persoas asistiron á exitosa undécima edición do Certame de Bandas de Música Populares do Concello de Lousame - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Novas
Cultura
Novas
Novas Cultura

Novas Cultura

O evento, que homenaxeou a Prudencio Romo, contou coa participación da Banda de Música de Abegondo, a Banda de Música de Caamaño e a Banda de Música de Lousame

Máis de 500 persoas acudiron onte á tardiña ao campo da festa de San Roquiño para gozaren da undécima edición do Certame de Bandas de Música Populares do Concello de Lousame, Homenaxe a Prudencio Romo. A cita, que tivo un grande éxito de convocatoria, contou coa participación da Banda de Música de Abegondo, da Banda de Música de Caamaño e da Banda de Música de Lousame. As diversas actuacións foron presentadas, un ano máis, pola xornalista de TVG, Loly Gómez.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde Pais, foi a encargada de entregar uns agasallos aos directores das tres agrupacións musicais cos que lembrarán a súa participación nesta cita. Ademais, entregou a dúas representantes das Bandas de Música de Abegondo e Caamaño, cadansúa figura de cerámica coma lembranza deste certame.

Na súa intervención, a rexedora agradeceu a todos os asistentes o seu interese neste festival musical, ao tempo que salientou a importancia de realizar este tipo de iniciativas. “Invertir en cultura é ineludible, tanto na música coma noutro tipo de disciplinas, porque nos enriquecen coma pobo”, asegurou. Neste senso, gabou o labor que se está a desenvolver dende a Asociación Cultural Prudencio Romo-Banda de Música de Lousame implicando aos máis novos neste eido. “Aproveito para pedir a todos os presentes que, cando marchedes daquí, faledes da nosa banda e que animedes aos máis novos a sumarse a ela. Na nosa Escola de Música adquirirán os coñecementos necesarios para despois pasar ao Conservatorio de Música e para converterse en grandes instrumentistas”, concluíu.

A formación de Abegondo foi a primeira en actuar. Interpretou o Concerto D’Amore de Jacob de Haan, Rivieren Cyclus de A. Malando, Tico Tico de Zequinha Abreu, e Santa Comba de A. Amigo.

Seguíulle a Banda de Caamaño co pasodobre Arrojo y Valentía de H. Cambeses, o vals Dulce Ensueño de J. Teixidor, a xota galega Volvoreta de F. Pérez Seara, a muiñeira Xeitosiña e a peza Al paso de la banda de José Iglesias Ramilo, o pasodobre Amparito Roca de J. Teixidor, a muiñeira Pepa de Xosé Oroval, e Desfilando de Antonio Amigo.

Finalizou a quenda de actuacións a formación anfitrioa, a Banda de Música de Lousame, que, tras interpretar a primeira peza, Fiesta Española de Antonio Carmona Reverte, fixeron un pequeno alto para entregar á viúva de Prudencio Romo un agasallo en agradecemento ao seu constante apoio á formación. A continuación, interpretaron a peza Escravo da Nosa Señora de Prudencio Romo, para despois continuar con The Mask os Zorro de Arr. John Moss. O broche púxose ao ritmo do Latin Gold de Paul Lavender.

Tras a entrega de agasallos ás agrupacións participantes e de realizar un sorteo de dúas ceas no restaurante O Forno, as tres agrupacións uniron as súas notas para interpretaren de xeito conxunto a peza Miña Terra Galega, de Prudencio Romo. Con esta actuación, púxose o broche de ouro a certame de Bandas de Música de Lousame. Unha vez finalizado o festival, os integrantes das distintas formacións gozaron dun ágape onde puideron intercambiar as súas experiencias.

A organización deste certame de bandas contou co apoio das Concellerías de Cultura e Xuventude do Concello de Lousame, a Deputación da Coruña e a Asociación Cultural Prudencio Romo–Banda de Música de Lousame. Colaboraron, ademais, as empresas Restaurante O Forno, Restaurante Claudio e Revestimentos MyM.