Máis de 500 persoas participaron na homenaxe a Prudencio Romo do Concello de Lousame - Concello de Lousame

Máis de 500 persoas participaron na homenaxe a Prudencio Romo do Concello de Lousame

As bandas de música de Lousame, Boiro e Catoira interpretaron bandas sonoras acompañados pola proxección de imaxes das películas

10 de setembro de 2018.- Máis de cincocentos veciños e veciñas de Lousame ateigaron o campo da festa de San Roquiño, na parroquia de Tállara, onde onte domingo tivo lugar a tradicional homenaxe a Prudencio Romo, que dende hai doce anos organizan o Concello de Lousame e a Banda de Música de Lousame. Unha homenaxe na que tomaron parte tres bandas municipais de música que actuaron conxuntamente baixo a batuta de Fernando Froján Canle: Boiro, Catoira e Lousame.

O acto estivo presidido pola alcaldesa, Teresa Villaverde, quen agradeceu a asistencia do neto de Prudencio Romo, “unha figura nunca suficientemente recoñecida e que, sen dúbida, foi o xerme da música en Lousame”. Villaverde Pais agradeceu “a fidelidade de toda a veciñanza a Prudencio Romo. Parece mentira pero xa levamos doce homenaxes e cada ano foi distinto, polo que agardamos que nos sorprendan con esta selección de bandas sonoras que forman parte das nosas vidas”. 

Canda as tres bandas de música, no campo de San Roquiño estaba instalada unha gran pantalla inchable de cinema, onde se foron proxectando imaxes dos filmes que estaban interpretando os músicos das tres bandas. Unha proxección que motivou que a homenaxe tivera lugar ben entrada a noite e sen ningún tipo de alumeado público, “para meternos en situación con esta Música de Cine”, explicou Fernando Froján.

Un concerto que comezou coa tradicional “intro” da MGM, adaptado a Lousame, e cos acordes e imaxes da saga “Indiana Jones”, de John Williams. Completaron o programa as bandas sonoras de “James Bond” (arranxo de Johan de Meij), “King Kong” (James Newton Howard), “O señor dos aneis” (Howard Shore) e unha selección de momentos de western da man de Ennio Morricone. O concerto rematou pasadas as 22:30 horas coa interpretación dunha das máis coñecidas pezas de Prudencio Romo: “Mi tierra gallega”.