Lousame convoca a “Festa da Froita”, que incluirá exposición e degustación de produtos autóctonos, roteiro teatralizado e demostracións ao vivo de antigos oficios - Concello de Lousame

Lousame convoca a “Festa da Froita”, que incluirá exposición e degustación de produtos autóctonos, roteiro teatralizado e demostracións ao vivo de antigos oficios

A festa terá lugar o domingo 2 de setembro no campo da festa de San Roquiño (Tállara – Lousame)

Ás 10:00 horas terá lugar un roteiro circular de sendeirismo, de 5 quilómetros e apto para todas as idades e condicións físicas, que incluirá pequenas representacións teatrais no seu camiño

20 de agosto de 2018.- A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a presidenta da asociación deportiva e cultural Senda XXI, Manoli Filgueira, presentaron esta mañá a primeira edición da “Festa da Froita”, que terá lugar no campo da festa de San Roquiño (parroquia de Tállara) o domingo 2 de setembro. Un evento que está organizado polo Concello de Lousame, + de 3 asociación, Uned Senior Lousame e asociación deportiva e cultural Senda XXI.

A Festa da Froita englobará outras dúas actividades de gran éxito en anos anteriores: a terceira edición do “Encontro de saberes e sabores” e a cuarta edición do roteiro de sendeirismo “Camiño do mercado”, ás que haberá que engadir numerosas actividades paralelas: mostra de alimentos, demostracións ao vivo de antigos oficios, actuacións de música tradicional... Neste sentido, a alcaldesa de Lousame agarda repetir a gran participación acadada en edicións anteriores dos encontros, que tiveron lugar na praza de Teodomiro Hidalgo e en Toxosoutos.

Teresa Villaverde explica que “con esta primeira Festa da Froita queremos ofrecer un lugar onde expoñer a froita autóctona de Lousame e da comarca, dando visibilidade ao traballo que se está facendo para coñecer que froitas e onde se plantaban en Lousame, porque non debemos perder a riqueza en froita que ten esta zona”. Unha iniciativa á que poden sumarse todos os veciños e veciñas de Lousame que desexen expoñer as súas producións, para o que deberán anotarse previamente na Casa da Cultura ou no teléfono 981 825 780. A inscrición é de balde.

Festa da froita

Os postos participantes na “Festa da Froita” disporanse nunha carpa instalada no campo da festa de San Roquiño o domingo 2 de setembro, en horario de 11:00 a 21:00 horas. Canda eles, estarán os postos participantes no III Encontro de Saberes e Sabores, onde produtores locais poderán ofrecer os seus produtos do campo e de artesanía: cestas, ebanistería, mel, oleiros, produtos da horta, encaixes... De feito, xa está confirmada a participación de numerosos artesáns da comarca que farán demostracións ao vivo dos seus antigos oficios: canteiro, alfareiro, carpinteiro, palilleira, ferreiro...

Ás 13:00 horas está programada unha cata de froitas autóctonas e hortalizas, tras a que se entregarán os primeiros “Premios da Froita”. Durante a xornada, as demostracións ao vivo de artesáns e artesás estará amenizado pola música de grupos folclóricos locais. Ademais, ás 18:00 horas terá lugar unha actuación da Banda de Música de Lousame; mentres que ás 20:00 horas terá lugar un espectáculo de maxia:” O afiador”, da man do Mago Teto.

Roteiro

Máis madrugadores serán os participantes no roteiro “Camiño do Mercado”, que este ano chega á súa cuarta edición e que cambia o seu tradicional percorrido polo Sanguiñal por outro circular, con saída e chegada no propio campo da festa de San Roquiño. “É un roteiro de 5 quilómetros, moi sinxelo e recomendable para toda a familia, que sairá ás 10:00 horas do campo de San Roquiño e volverá ás 13:00 horas, cumprindo así un desexo de Teresa de que había que rematar nun mercado, e por primeira vez se vai conseguir”, explica Manoli Filgueira, presidenta da asociación deportiva e cultural Senda XXI.

Filgueira indica que “ao longo do percorrido a xente estará acompañada por técnicos municipais e membros de Senda XXI, e poderán asistir a distintas actuacións teatrais en varios puntos do percorrido e relacionadas coa contorna rural e a picaresca”. Así mesmo, os camiñantes visitarán unha exposición de Ché Tembra na Casa do Tarela. A alcaldesa de Lousame felicitou a Senda XXI “polo traballo ben feito e por facer unha actividade inclusiva, para todas as persoas”, como demostra a participación dun grupo de rapaces e rapazas da asociación Misela.

A participación é totalmente gratuíta, se ben é preciso anotarse previamente na Casa da Cultura ou no teléfono 981 825 780.