Lousame acollerá o domingo unha masterclass de zumba a favor da ASGPOH co obxectivo de superar os 624 participantes de 2017 - Concello de Lousame

Lousame acollerá o domingo unha masterclass de zumba a favor da ASGPOH co obxectivo de superar os 624 participantes de 2017

Impartida por Zumba Noia, contará coa colaboración de nove monitores de Santa Comba, Padrón, Portosín e Noia, así como cunha exhibición de Zumba Kids con cen nenos/as

A entrada custará 3 euros, haberá degustación gratuíta de chocolate con churros e sortearanse agasallos entre todos os asistentes.

 O polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra, emprazado na Silva (Lousame), acollerá este domingo 26 de novembro, a partir das 17:00 horas, unha Masterclass de Zumba a favor da Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH) e que será impartida por Zumba Noia. A entrada, que se poderá adquirir na entrada do pavillón, custará 3 euros e todo o recadado será doado á ASGPOH, entidade creada en Lousame que trata de sensibilizar á poboación sobre as enfermidades ultrarraras.

Eduardo Agraso, vicepresidente de ASGPOH, explica “todo o recaudado será entregado ao grupo de investigación GENVIP, que leva o caso de Cayetana e Celia”, dúas nenas de Lousame que son as únicas galegas que sofren a enfermidade ultrarrara heteroplasia ósea progresiva. “O ano pasado tivemos 624 participantes, unha cifra que esperamos manter ou superar”, indica Agraso. Para logralo contarán coa colaboración de nove instrutores convidados dende Santa Comba, Padrón, Portosín e Noia, dirixidos por Luísa Arufe, responsable de Zumba Noia.

A xornada comezará ás 17:00 horas cunha sesión de Zumba Kids, na que está prevista a participación de máis de cen nenos e nenas. A partir das 17:25 horas comezará a masterclass de Zumba, na que “pode participar calquera persoa, independentemente da súa forma física e de se practica ou non zumba. É unha xornada lúdica e pódese desfrutar desde cero”, apunta Eduardo Agraso.

Xornada en familia

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Obras, Ramón Martínez, ofreceu toda a colaboración do Concello de Lousame nesta iniciativa solidaria “que desexamos que sexa todo un éxito e na que animamos a participar a todos os veciños e veciñas de Lousame”. Pola súa banda, a presidenta da ASGPOH, María Dolores Suárez Becerra, indica que que “será una jornada en familia, una divertida forma de pasar la tarde del domingo y terminaremos con unha chocolatada con churros para todos los que asistan, bien bailando bien como espectadores”.

Ademais, todos os asistentes participarán tamén no sorteo de magníficos agasallos doados polas empresas colaboradoras: Anelos, Floristería El Jardín, Barbanza Joya, Cocoella Boutique Infantil, Imán Moda e Farmacia María Antonieta Fdez.-Tomé