A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 30 de outubro a mostra “Sempre con Lousame”, 30 óleos do veciño Juan Carlos Lorenzo - Concello de Lousame

A Casa da Cultura de Lousame acolle ata o 30 de outubro a mostra “Sempre con Lousame”, 30 óleos do veciño Juan Carlos Lorenzo

Juan Carlos Lorenzo Jamardo, pintor autodidacta e veciño de Tállara (Lousame), inaugurou na tarde de onte xoves a súa segunda exposición de pintura en Lousame, denominada “Sempre con Lousame”. Un acto no que estivo acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, á fronte de medio cento de veciños e veciñas, sobre todo integrantes do grupo de gaitas O Son do Pote e da Coral de Lousame, grupos nos que tamén participa Juan Carlos Lorenzo.

Teresa Villaverde destacou que “é un pintor autodidacta, que camiña do realismo ao impresionismo, e é un veciño moi activo: no Son do Pote, na Coral... Porque é importante que as persoas maiores se manteñan activas”. Ademais, anunciou que o Concello comprará un dos cadros: “o referente a Cernadas de Castro, cuxa figura estamos poñendo en valor dende Lousame e para o que seguiremos reclamando a celebración dun Día das Letras Galegas”.

Pola súa banda, Juan Carlos Lorenzo comentou que “dende pequeno sempre me gustou pintar, máis ben a carboncillo. A raíz do meu retiro, contactei cun veciño e comecei a pintar”. Así mesmo, explicou o seu proceso creativo: “vexo un sitio que me gusta, ´sácolle unha foto e, como me encanta pintar, dedícolle calquera hora que teño libre”. Prefire pintar na casa ca ao aire libre porque “síntome máis cómodo cando estou na casa, solo coas fotografías”.

Así, a mostra inaugurada onte na sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame recolle 30 óleos, dos que 24 son de paisaxes lousamiás e os outros catro son bodegóns e embarcacións, en lembranza do tempo que estivo embarcado. “Pinto o que me gusta. Agora estou con Lousame e a súa paisaxe. E fáltanme moitas porque Lousame é preciosa”. “Sempre con Lousame” poderá visitarse na Casa da Cultura lousamiá ata o vindeiro 30 de outubro.