O Concello de Lousame pon en marcha un novo programa de compostaxe no que repartirá 175 composteiros entre a veciñanza - Concello de Lousame

O Concello de Lousame pon en marcha un novo programa de compostaxe no que repartirá 175 composteiros entre a veciñanza

- As persoas interesadas en solicitar o seu composteiro poderán facelo de forma gratuíta no Concello

- Lousame adquirirá unha biotrituradora móbil para xestionar os restos de poda que se xeran no municipio e reducir así as queimas

 

O Concello de Lousme vén de poñer en marcha un novo programa de compostaxe no que repartirá de balde entre a veciñanza un total de 175 composteiros domésticos e instalará os que serán os primeiros centros de compostaxe comunitaria. Así mesmo, adquirirá unha biotrituradora móbil que permitirá xestionar a elevada cantidade de restos de poda que se xeran en todo o termo municipal, contribuíndo a reducir as queimas.

Unhas actuacións que o Concello lousamiá realizará ao abeiro da convocatoria 2020 das axudas do Plan de impulso ao medio ambiente (Plan PIMA) do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. O financiamento obtido a través desta convocatoria permitirá cubrir o 80% do custe total do programa de compostaxe deseñado polo concello de Lousame, o resto será asumido con fondos propios.

 

Accións formativas

A adquisición destes equipamentos completarase co desenvolvemento de accións formativas e informativas sobre os beneficios da compostaxe e o uso dos composteiros domésticos e comunitarios. Neste senso, o Concello comezou a desenvolver esta campaña informativa onte mércores, coa celebración dunha xuntanza no local social do Sanguiñal na que participaron medio cento de veciños e veciñas. Unha reunión que se repetirá hoxe xoves, ás 20:00 horas, nas mesmas instalacións municipais.

Así mesmo, todos os veciños e veciñas de Lousame que estean interesadas en solicitar o seu composteiro deberán poñerse en contacto co concello para inscribirse no programa de compostaxe. Ademais de recibiren o composteiro de forma totalmente gratuíta, as persoas inscritas recibirán unha formación sobre a súa montaxe e uso.

Finalmente, está tamén prevista a realización dunha visita de seguimento a cada unha das vivendas obxecto de actuación do programa. Esta visita está programada para realizarse no próximo outono e, durante o transcurso da mesma, o persoal técnico responsable do proxecto resolverá as incidencias detectadas, así como as dúbidas que se lle formulen dende a veciñanza.