O Concello de Lousame agarda acometer este verán as expropiacións para a depuradora e saneamento de Berrimes e Cruído - Concello de Lousame

O Concello de Lousame agarda acometer este verán as expropiacións para a depuradora e saneamento de Berrimes e Cruído

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, espera acometer nas próximas semanas as expropiacións precisas para a execución das obras de mellora da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame, que dará servizo a varios núcleos do municipio, concretamente aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa. Unha actuación que permitirá dar servizo a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal, así como ao colexio Cernadas de Castro.

“Augas de Galicia está a rematar a redacción do proxecto, polo que espero que nas próximas semanas poidamos acometer as expropiacións necesarias para a execución deste proxecto”, explica Teresa Villaverde, quen destaca que “ademais de dar servizo á veciñanza e a instalacións coma o colexio, o polideportivo ou a piscina, este proxecto tamén nos permitirá eliminar unha minidepuradora que está próxima a unha fonte”.

A intención do Concello de Lousame é acometer esta obra por fases. “Primeiro instalaremos a depuradora e a canalización principal. Despois faranse as ramificacións para chegar a Berrimes, Cruído e demais localidades”.

A redacción do proxecto construtivo da rede de abastecemento e nova estación de tratamento de augas residuais de Lousame foi adxudicado por 15.000 euros pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia. O proxecto inclúe a execución dunha estación depuradora de augas residuais a través dunha rede de saneamento composta por cinco colectores, dous principais e tres secundarios, ademais dunha impulsión para dar servizo inicialmente a unhas 400 persoas.