As voluntarias turcas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas estarán 10 meses colaborando nas actividades culturais, sociais e deportivas de Lousame - Concello de Lousame

As voluntarias turcas Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas estarán 10 meses colaborando nas actividades culturais, sociais e deportivas de Lousame

A concelleira de Xuventude, Silvia Agrafojo, e o técnico de Voluntariado, Xosé Manuel Outeiral, presentaron esta mañá Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas, as dúas novas voluntarias europeas que estarán dos próximos 10 meses en Lousame. “Colaborarán xa nos próximos Campamentos de Verán pero tamén en distintas actividades culturais, sociais e deportivas que se organicen en Lousame”, explicou Silvia Agrafojo, quen destacou que “ademais colaborarán no Punto de Atención á Infancia, no centro de día e impartirán unhas clases de inglés para os nenos e nenas durante o verán”.

Ezgi Alkaya e Ülkü Kosdas tomarán o relevo das súas compatriotas turcas Ebru Karaca e Dilara Güven, que o pasado mes de xaneiro remataron os seus nove meses de voluntariado europeo. Entende o idioma pero, de momento, cústalles expresarse en español, polo que adoitan empregar máis o inglés.

Ülkü Kosdas procede dunha localidade do interior de Turquía e sinala que “me gusta o labor que fan os voluntarios e espero desfrutar do proxecto preparado polo Concello de Lousame”. Pola súa banda, Ezgi Alkaya, dunha vila próxima a Estambul, amosouse “moi feliz por estar aquí como voluntaria europea e pola posibilidade de colaborar en diferentes actividades”. Unhas actividades nas que coincidirán con outros voluntarios e voluntarias procedentes dos programas Voluntariado Xuvenil (de 16 a 30 anos) e Voluntariado Sénior (máis de 55 anos), aos que Silvia Agrafojo agradeceu “a súa indispensable colaboración, que permite que un concello pequeno como Lousame poida facer tantas actividades sociais, culturais e deportivas”.

 

Cuarta quenda

O Concello de Lousame é un dos poucos municipios de Galicia que xestiona programas de Voluntariado Europeo, sendo ao mesmo tempo entidade de envío como de acollida de voluntarios/as. “Esta será a cuarta vez que acollamos voluntarias europeas e temos que dicir que ata o de agora a xente respondeu moi ben, moi responsables e moi colaboradoras”, indicou Xosé Manuel Outeiral, quen lamentou que “de momento non enviamos a ninguén de Lousame a Europa, tivemos outros proxectos pero non de Voluntariado Europeo”. De feito sinala que “a covid fixo que se pararan moito este tipo de iniciativas”.

Lousame iniciou en 2017 este camiño coa acollida de dúas voluntarias, a francesa Lucíe Rimasson e a rusa Anna Uvarova; entre 2018-2019 contaron coa colaboración da ucraína Oksana Kalinicheko e da rusa Iuliia Bautdinova; mentres que a persoa que ía participar no programa de 2020 volveu á súa terra natal xa que a súa chegada coincidiu co inicio dos meses de confinamento pola Covid-19.  Entre 2021 e 2022 contaron con dúas voluntarias turcas: Ebru Karaca e Dilara Güven.

VoluntariasLousame2