Lousame acollerá mañá venres unha charla informativa sobre as axudas LEADER dirixida a emprendedores, asociacións e pemes - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Áreas de actuación
Emprego
Ofertas de Emprego
Novas
Novas Emprego

Novas Emprego

Organizada pola Asociación de Desarrollo Local DELOA, terá lugar ás 20:30 horas no salón de plenos

1 de marzo de 2018- O salón de plenos do Concello de Lousame acollerá mañá venres 2 de marzo, ás 20:30 horas, unha sesión informativa sobre as axudas LEADER, destinadas á execución de proxectos de desenvolvemento local por parte de emprendedores, asociacións e pequenas e medianas empresas. Unha charla que será impartida por responsables da Asociación de Desarrollo Local DELOA, entidade que se encarga da xestión destas axudas, e que está aberta a todas as persoas, asociacións ou pemes que estean interesados. A entrada é libre e de balde.

Estas axudas LEADER están destinadas á execución de proxectos de desenvolvemento rural e teñen a finalidade de mellorar a calidade de vida da veciñanza e fomentar a diversificación da actividade económica e a mobilización do potencial do territorio rural. Poderán ser beneficiarios destas axudas as persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, as entidades públicas de carácter local e comarcal e as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.