O Concello de Lousame saca a licitación a explotación do albergue de Toxosoutos por dous anos e un orzamento de 2.904 € - Concello de Lousame
mod_migasdepan_HOME
Áreas de actuación
Emprego
Ofertas de Emprego
Novas
Novas Emprego

Novas Emprego

18 de xaneiro de 2018.- O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe a convocatoria da licitación pública para a contratación, mediante procedemento aberto e tramitación ordinaria, para a licitación do contrato administrativo especial de explotación do albergue de Toxosoutos. Unha concesión por un período de dous anos, prorrogable por un ano máis, e cun orzamento base de licitación de 2.904 euros (IVE incluído) que “permitirá poñer en valor un dos espazos de maior riqueza paisaxística e patrimonial de Lousame”, explica Teresa Vilaverde, alcaldesa de Lousame.

As persoas físicas ou xurídicas interesadas na adxudicación deste contrato disporán de 30 días naturais, a contar a partir de mañá venres, para presentar as súas ofertas no Rexistro Xeral do Concello de Lousame. A adxudicación realizarase mediante procedemento aberto á oferta máis vantaxosa, se ben haberá tamén varios criterios de adxudicación distintos ao prezo como: relación de recursos humanos dispoñibles, programa de actividades complementarias, proposta de comercialización/tarifas que terían que aboar os usuarios do albergue..

O Concello de Lousame porá a disposición do adxudicatario tres fincas de natureza rústica na parroquia de San Xusto (de 210, 5.024 e 581 m2) e tres bens de natureza urbana: a antiga reitoral, unha edificación anexa e o muíño, que dispoñen de auga, luz e depuración de augas residuais. Unha contorna que está cedida ao Concello de Lousame polo Arcebispado de Santiago de Compostela por un período de 30 anos, en virtude dun convenio asinado o 15 de marzo de 1996 para destinalo a actividades de carácter cultural, social, educativo e turístico.

Máis información