Lousame organizará unhas xornadas de familia e educación para previr a violencia de xénero dende o ámbito familiar - Concello de Lousame

Susana López Abella presidiu a Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame

4 de maio de 2017.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, presidiron esta maá a segunda reunión da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame, constituída formalmente hai un ano. López Abella desculpou a súa ausencia na constitución formal desta mesa, das que destacou que “son fundamentais polo que se fala nelas e por iso estamos tratando de fomentalas por todo o territorio. E aquí en Lousame estou moi satisfeita pola magnifica interactuación que hai entre todos os participantes”.

Un punto que tamén salientou a alcaldesa de Lousame, quen indicou que “estas reunións non son un trámite, están sendo moi útiles. Nas reunións anteriores analizouse o protocolo de actuación contra a violencia de xénero dende cada ámbito e houbo moitas achegas dende o ámbito escolar, sanitario e das forzas de seguridade que foron recollidas e que agora nos permitirán poder ofrecer un mellor servizo no caso de que xurda un caso de violencia de xénero”.

Unha situación que, nestes momentos, non se produce no municipio, segundo confirmou Judit Fontenla Baró, xefa da Unidade contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, que participou por primeira vez nesta Mesa Local. Judit Fontela explicou que o obxectivo destas unidades é “reforzar el trabajo en red y mejorar el conocimiento sobre la problemática de cada territorio y los perfiles de mayor vulnerabilidad”. Neste sentido, apuntou que en 2017 se rexistraron 2.066 denuncias por violencia de xénero e se solicitaron 721 ordes de protección. Así, explicou que na provincia existen na actualidade arredor de 1.400 casos de orde de alonxamento, sen que conste ningunha en vigor en Lousame.

Próximas actividades

Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo, presentou un informe sobre as actividades realizadas e previstas para este ano dende o seu departamento. Entre os próximos proxectos destaca a organización dunhas xornadas de familia e educación no mes de outubro, “onde as actividades se centrarán en promover a prevención da violencia de xénero dende o ámbito familiar”.

Así mesmo, informou que nos meses de xullo e agosto se desenvolverán obradoiros de igualdade cos nenos e nenas que participen na ludoteca de verán do servizo Lousame Concilia. En novembro, co gallo da conmemoración do Día Internacional contra a violencia de xénero, celebrarase a III Andaina contra a violencia de xénero e representarase a peza teatral “A orquestra do mar”, sobre os estereotipos de xénero. Finalmente, está pendente de programar un curso de defensa persoal para mulleres.

Sobre as actividades realizadas, Silvia Agrafojo salientou a activación da páxina de Facebook “Lousame en Igualdade”, a celebración da campaña “Eu tamén traballo” para difundir a importante presenza das mulleres no mundo laboral e as actividades organizadas en colaboración co CEIP Cernadas de Castro, como o espectáculo “Contamos todas”, do grupo Tropa de Trapo, e as dúas charlas informativas á mocidade impartidas por persoal do Centro de Recuperación Integral para vítimas da violencia de xénero.

A reunión de hoxe da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero de Lousame estivo presidida pola secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. A ela asistiron por primeira vez Judit Fontenla Baró, xefa da Unidade contra a violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno; Avelino Rivadulla, garda civil encargado das vítimas de VIOGEN; e Carlos Sendón, sarxento en prácticas da Garda Civil de Noia.

Á reunión tamén asistiron a concelleira de Muller e Igualdade de Lousame, Silvia Agrafojo; Julio César López González, sarxento da Garda Civil de Noia; Pilar Cobas Cajuso, directora do CPI Cernadas de Castro; Silvia Freirías Castelao, enfermeira do centro de saúde de Lousame; Julia Vieiro Justo, psicóloga do Centro de Información ás Mulleres (CIM) de Noia; Natividad Hermo Santos, traballadora social do Concello de Lousame; e Mónica Castaño Ourille, técnica da Concellería de Igualdade e secretaria da Mesa. A próxima reunión terá lugar o venres 9 de novembro.