A sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acolle a mostra “Primeira década das Letras”, da Asociación O Ferrado - Concello de Lousame

O presidente da Asociación, Rafael Piñeiro, entregoulle esta mañá á alcaldesa Teresa Villaverde o Broche dos Bos e Xenerosos

20 de novembro de 2017.- A sala de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acolle ata o vindeiro 29 de novembro a mostra “Primeira década das Letras”, un achegamento desde unha perspectiva actual á obra dos escritores aos que lles foi dedicado o Día das Letras Galegas nas súas dez primeiras edicións. Unha exposición incluída no programa “Letras ao Camiño”, promovido pola Asociación Cultural O Ferrado e subvencionada pola Deputación da Coruña.

O presidente e o secretario da asociación, Rafael Piñeiro e Víctor Piñeiro, desprazáronse esta mañá ata Lousame para a presentación da exposición e facerlle entrega á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, do Broche dos Bos e Xenerosos. Un acto co cal O Ferrado quere agradecer a colaboración ofrecida polo Concello de Lousame ao desenvolvemento desta iniciativa.

Teresa Villaverde agradeceu á Asociación O Ferrado que escollera Lousame como quinta parada desta exposición itinerante e salientou a importancia de que “este paneis que recollen aos grandes protagonistas das nosas Letras poida ser visitada polos veciños e veciñas de Lousame e, sobre todo, polos nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro”. Pola súa banda, Rafael Piñeiro explicou que “a nosa intención é que esta exposición sexa un achegamento á nosa cultura a través dos dez primeiros homenaxeados nas Letras Galegas e axudar a enriquecer o acerbo cultural galego”.

De feito, Piñeiro expresou o seu desexe de conseguir unha nova axuda da Deputación da Coruña para poder facer unha segunda edición con outros dez escritores. A mostra poderá visitarse na sala de exposicións da Casa da Culturade Lousame ata o vindeiro 29 de novembro.