Medio Rural prohibe as queimas agrícolas e forestais debido ás condicións meteorolóxicas - Concello de Lousame

O Concello de Lousame informa de que a Consellería do Medio Rural vén de prohibir as queimas de restos agrícolas e forestais en Galicia dende o luns 25 de marzo. Isto implica que quedan tamén en suspenso os permisos xa concedidos, xa que as comunicacións e autorizacións de queima carecerán de validez dende o momento da prohibición.

A decisión tomouse tras avaliar a evolución da situación do tempo e unha vez analizados polo miúdo os diferentes indicadores técnicos que inciden no risco de lume en tempada de alto risco. Tamén tendo en conta que a normativa (Decreto 105/2006, polo que se regulan medidas relativas á prevenciónde incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentose repoboacións forestais) prohibe as queimas cando as condicións meteorolóxicas poidan dificultar o seu control.

Así mesmo, a Consellería do Medio Rural pide colaboración da cidadanía para que extreme as precaucións e denuncie calquera actividade delituosa incendiaria da que teña coñecemento, dado que desde mañá e ata novo aviso non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola eforestal. Ademais, a consellería lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.