O Concello de Lousame organiza un curso para o manexo do móbil para persoas maiores - Concello de Lousame

1 de febreiro de 2019 - O Concello de Lousame retoma a celebración de cursos gratuítos para que os maiores do municipio aprendan a sacarlle todo o partido aos seus teléfonos e dispositivos móbiles. Uns obradoiros que terán lugar na Casa da Cultura lousamiá e que terán unha duración dunha hora semanal.

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, explica que “con estes cursos buscamos proporcionarlles ás persoas maiores de Lousame os coñecementos suficientes para un eficaz uso dos seus dispositivos móbiles: que saiban conectarse a unha rede Wifi, que aprendan a facer e enviar fotos, que saiban usar o WhatsApp ou consultar as Redes Sociais ou o seu correo no móbil e tamén descargar aplicacións prácticas como para pedir cita médica, ler a prensa ou escoitar a radio no móbil...”.

Os cursos están abertos á participación de toda a veciñanza de Lousame e serán totalmente de balde, previa inscrición nos Servizos Sociais do Concello (981 820 494) ou por WhatsApp no 689 126 385. Deste xeito, o Concello de Lousame dá continuidade aos cursos realizados en xuño, nesa ocasión en colaboración coa Cruz Vermella de Noia. No novo curso poderán participar persoas que xa o fixeran en anteriores edicións, se ben terán preferenza as novas inscricións.

 

Ver imaxe en tamaño completo