O Concello de Lousame e o Club de Baloncesto Porto do Son asinan un convenio de colaboración para o fomento deste deporte - Concello de Lousame

O Concello achegará as instalacións e o material preciso, mentres que o club impartirá a formación, organizará actividades de fomento do baloncesto durante o ano e formará un equipo federado de minibasket

11 de outubro de 2018.- A alcaldesa do Concello de Lousame, Teresa Villaverde, e o presidente do Club de Baloncesto Porto do Son, Juan José Filgueira, asinaron un convenio de colaboración entre ambas entidades para o fomento deste deporte entre os nenos e nenas do municipio. Un acordo polo que o Concello de Lousame cederá as instalacións do polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra e achegará todo o material preciso, mentres que dende o club se comprometen a impartir a formación, organizar ao longo do ano actividades para promover o baloncesto entre a veciñanza e a formar un equipo de minibasket que compita na Liga Federada da Delegación de Santiago da Federación Galega de Baloncesto.

A escola deportiva de baloncesto do Concello de Lousame botará a andar o próximo martes 16 de outubro, cando está prevista unha presentación da actividade aos nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro. Dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos de idade, as clases impartiranse no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra os martes e xoves, en horario de 14:15 a 15:15 horas. O prezo da actividade será de 15 euros/mes. Máis información e inscricións en Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., por whatsapp no 639 941 364 ou na oficina de Deportes do Concello de Lousame (981 825 780).

Cláusulas do convenio

Teresa Villaverde explicou que grazas a este acordo “Lousame poderá ter un equipo federado para competir e ter actividades no propio municipio e sen perder a identidade do Concello, pois os rapaces e rapazas que xoguen en Lousame o farán representando ao Concello de Lousame, ao tempo que fomentamos na comarca un deporte como o baloncesto que non é tan maioritario pero que vemos que ten canteira e que tamén é moi practicado polas mulleres”. Neste sentido, a alcaldesa desexoulles aos responsables do club “que todo vaia ben e que este acordo redunde tanto na formación deportiva dos nosos rapaces e rapazas como no fomento dun estilo de vida saudable”.

Pola súa banda, Juan José Filgueira, explicou que “o que pretendemos é continuar co bo traballo que fixeron os técnicos de Deportes do Concello de Lousame nas escolas deportivas durante os pasados catro anos e dar un pasiño máis debido á nosa especialización como club de baloncesto para formar aos nenos e nenas de Lousame”. Filgueira indicou que “queremos amosarlle aos nenos e nenas do CPI que hai máis deportes, que o deporte non ten xénero, pois poden practicalo nenos e nenas, e transmitirlles valores como a educación en solidariedade ou o compañeirismo”.

Juan José Filgueira indicou que “o noso obxectivo como club é promocionar o baloncesto, non só no noso concello, senón en todos os que están na contorna, tendo unha visión de comarca e de compartir experiencias”. Un punto ao que se sumou José Luís Obelleiro, vicepresidente do Club de Baloncesto de Porto do Son e que serán quen se encargue de impartir a formación en Lousame, que apuntou que “como lousamiano estou encantado de que o Concello colabore con nós”.