O Concello de Lousame convoca o programa Lousame Concilia, para atención dos nenos/as antes das clases no CPI Cernadas de Castro - Concello de Lousame

As solicitudes deberán presentarse nos Servizos Sociais do Concello do 17 ao 21 de setembro

14 de setembro de 2017.- O Concello de Lousame abrirá o próximo luns 17 de setembro o prazo de inscrición no programa “Lousame Concilia”, un servizo de atención e coidado de nenos e nenas de entre 3 e 12 anos no CPI Cernadas de Castro entre as 7:45 horas e o inicio das clases (9:45 horas). Como en anos anteriores, convócanse un total de 20 prazas e mantéñense os prezos nos 6 euros/mes ou 1 euro/día.

O prazo de inscrición estará aberto ata o próximo 21 de setembro no Departamento de Servizos Sociais de Lousame, en horario de 08:00 a 15:00 horas. Á hora de establecer o baremo para a admisión dos pequenos, o Concello de Lousame outorgará 3 puntos a todos os menores empadroados en Lousame cunha antigüidade mínima dun ano. Así mesmo, outorgaranse 2 puntos a aquelas solicitudes cos dous proxenitores empregados e 1 punto no casos nos que un dos proxenitores traballe. Tamén se outorgará 1 punto aos que non superen os ingresos establecidos para a situación socioeconómica familiar. Como novidade, este ano recibirán 2 puntos as familias monoparentais co/a proxenitor/a empregado/a.

No caso de que houbera máis solicitudes que prazas, os empates resolveranse por rigorosa orde de inscrición, é dicir, segundo o número de entrada da solicitude no Rexistro Municipal de Lousame. Os impresos poderán recollerse nos Servizos Sociais de Lousame ou descargarse directamente da web municipal (www.concellodelousame.gal). Canda a solicitude asinada deberán presentar a última nómina ou recibo de autónomos, para así acreditar a súa situación laboral; así como o certificado de familia monoparental, se fose o caso.

Lousame Concilia é un programa de conciliación familiar organizado polo Concello de Lousame e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Secretaría Xeral da Igualdade da Presidencia da Xunta de Galicia. O Concello de Lousame lembra que tamén existe a posibilidade de traer aos pequenos en datas concretas durante o curso escolar. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame ou no 981 820 494.